MONTAXE DNI

Infórmase á veciñanza de Negreira que o luns, día 3 de xullo de 2023, terá lugar unha nova renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI), co desprazamento do Equipo Móbil da Policía Nacional ata Negreira.

O lugar para a tramitación é a entrada ao Centro Sociocultural, a partir das nove da mañá e, a entrega dos novos documentos terá lugar, o mércores 5 de xullo no mesmo lugar.

As persoas interesadas deben anotarse a partir do luns, día 5 de xuño, chamando aos seguintes números de teléfono: 981 885 250 // 881 035 142.

powered by social2s

DSC 2897

A veciñanza de Negreira votou cun 74,09% de participación e 4.196 votos emitidos nas urnas este 28M (117 máis que en 2019), dos cales resultaron válidos 4.144 (98,76%). A abstención elevouse a 1.467 persoas (25,90%) sobre un censo electoral de 5.663 votantes. Houbo 49 votos en blanco (1,18%) e 52 nulos (1,23%).

 

A vitoria nestas Eleccións Municipais foi para o Partido Popular, con 2.001 votos (48,28%), e unha diferenza de 247 sobre a segunda formación máis votada, o Partido Socialista que obtivo 1.754 sufraxios (42,32%). O Bloque Nacionalista Galego foi a terceira forza con 340 votos (8,20%).

 

Con estes datos, a nova Corporación Municipal resultante destes comicios locais e que tomará posesión o sábado, día 17 de xuño de 2023, estará conformada por 6 representantes do Partido Popular; outros 6 do Partido Socialista e 1 do Bloque Nacionalista Galego. En total 13 concelleiros e concelleiras.

 

Cadro resultados

powered by social2s

Ardeiro

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe o acto de entrega da edición da obra gañadora na convocatoria de 2022 do Certame de poesía “Xosé M. López Ardeiro”, que recaeu en Caderno de camiño, obra do escritor, profesor e xornalista, Xosé A. Neira Cruz. Ao premio económico de 2.500 euros que xa foi entregado en decembro pasado polo Concello de Negreira, súmase agora a publicación do poemario gañador coa entrega dun lote de 300 exemplares.

 

Este acto serveu ademais, para a convocatoria da XII edición do certame, cuxo prazo de presentación de obras estará aberto desde o mes de xullo ao de decembro de 2023. Poderán participar nel, as obras poéticas escritas en lingua galega, orixinais e inéditas, cunha extensión de entre 350 e 700 versos como máximo.

 

A obra gañadora recolle 51 poemas distribuídos en seis capítulos: Subida polos anos; Un pestanexo do inverno; Parada no medio do trebón; Aprender a ulir a chuvia; Polo arame dun raio de sol e Arrastrando séculos sumados.

 

FOTO 2

Na entrega participaron o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; o presidente do xurado, o crítico e escritor José Antonio Ponte Far, e o tamén poeta e membro do xurado, Xulio López Valcárcel, que tamén fíxoo en representación de Medulia Editorial, responsable da edición da obra.

 

Anxo M. Lorenzo salientou o perfil do gañador: “Unha persoa que forma parte da Real Academia Galega, profesor e investigador, cunha ampla bagaxe literaria, e autor de máis de trinta obras de creación”, subraiou Anxo M. Lorenzo.

 

Xosé A. Neira Cruz: “É realmente unha honra sumar o meu nome a ese elenco xa importante de autores e autoras, que a súa vez sumaron os seus nomes ao de Pepe Ardeiro. Estou moi agradecido”, afirmou.

 

O alcalde negreirés, Manuel Ángel Leis Míguez, pechou o acto dicindo que agarda que este ano “continúe o certame, estea quen estea na alcaldía, e sigan colleitando o éxito das últimas edicións con tantas obras presentadas”, subraiou Ángel Leis.

 

Audio do acto

 

powered by social2s

DSC 2910

A Lei marca que o día 31 de maio de 2023, todos os terreos ubicados nas chamadas franxas secundarias de seguridade, os 50 metros de terreo na contorna a núcleos habitados, vivendas illadas e outras construccións, deben manterse libres de maleza e de especies pirófitas coma eucaliptos e pinos, de cara a reducir o risco en caso de incendio.

powered by social2s

DSC 2483

O Concello de  Negreira abre este luns, día 8 de maio, o prazo de inscrición para participar no Campamento Urbano Respira, a desenvolverse durante os meses de xullo e agosto, nas dependencias do CEIP O Coto. Está dirixido a familias con menores de 3 anos (escolarizados) a 12 anos. Son prazas limitadas.

Requisitos de acceso. Poderán acceder sempre que cumpra os dous requisitos:

-Familias con empadroamento en Negreira.

-Familias nas que ambos proxenitores ou titores legais estean traballando ou en situación de busca activa de emprego ou formación laboral.

 

Para a adxudicación das prazas terase en conta a orde dos seguintes criterios recollidos no Regulamento do “Programa Negreira Concilia (Madrugadores e Merendas), Diververán (BOP 8 de marzo de 2022, núm. 45):

1º criterio.- Familias que aporten Informe Social que indique a necesidade do servizo en base a circunstancias socioeconómicas

e familiares.

2º criterio.- Familias con fillas/os de mulleres vítimas da violencia de xénero.

3º criterio.-Familias monoparentais.

4º criterio.- Familias numerosas.

5º criterio.- Familias nas que algún das/os proxenitores teñan o seu posto de traballo no Concello de Negreira.

6º criterio.- Calquer usuario/a.

 

O campamento abarca desde o 1 de xullo ao 31 de agosto, podendo as familias elexir as quendas que necesiten, quedando distribuídas da seguinte maneira co seu correspondente prezo público recollido na ordenanza (11 de marzo de 2022):

1ª quenda: do 1 ao 15 de xullo

2ª quenda: do 16 ao 31 de xullo

3ª quenda: do 1 ao 15 de agosto

4ª quenda: do 16 ao 31 de agosto

 

Documentación:

- Modelo normalizado de ficha de inscrición

- DNI dos responsables do menor

- Libro de familia, sentenza ou resolución administrativa que acredite a relación xurídica entre ambos

- Tarxeta sanitaria do/a menor

- Declaración do IRPF e no caso de non presentala certificación negativa

- Xustificante bancario de ingreso do prezo público

- Xustificante da situación de emprego (Informe vida laboral, última nómina, pago último recibo de autónomos).

- Xustificante da necesidade do servizo por incompatibilidade horaria( certificado de demandante de emprego, xustificante de realizar unha busca activa de emprego, xustificante de asistencia a accións de formación laboral).

 

O horario do campamento será de 8:30 a 14:30 horas. As familias poderán facer uso do servizo en función das súas necesidades permitindo a entrada e saídas flexibles. Para o bo desenvolvemento das actividades programadas, recoméndase a aquelas familias que non vaian a facer uso do horario completo do campamento, incorporarse ao mesmo sobre ás 10:00 h. e saída a partir das 13:30h.

 

Exención e bonificación.

Segundo as circunstancias da unidade familiar aplicaranse os seguintes descontos:

1.- Exención: A emisión dun Informe Social do departamento de servizos sociais que indique a necesidade do servizo sen que haxa posibilidades económicas para abonar o custo do mesmo conlevará a exención da cota.

2.- Bonificación: Cando asistan ao mesmo servizo varios irmáns de xeito simultáneo, o segundo irmán e sucesivos terán un desconto dun 50%.

 

O persoal técnico responsable do servizo poderá requerir outra documentación complementaria ou adicional que se precise.

As solicitudes poden presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello, ou de xeito presencial no Rexistro xeral do Concello de Negreira, en horario de 9:00 h a 14:00 h de luns a venres, desde o 8 ao 19 de maio.

Prezo: 100 €/mes; 50€/quincena.

 

 

powered by social2s