O Concello de Negreira solicitou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), a través dunha comunicación remitida tanto á Xerencia da Xestión Integrada de Santiago coma á propia Consellería de Sanidade, que consideren optar por vacinar ás persoas maiores de 80 anos no propio centro de saúde de Negreira, tralo chamamento para inocular a cuarta dose da vacina fronte á covid.

 

Ante o feito de ter que desprazarse ata o vacinódromo da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, unha instalación, din “bastante innacesible e apartada”, o Concello estima que debería contemplarse a posibilidade de vacinarse no centro de saúde xa que unha maioría da poboación maior de oitenta anos ten problemas de mobilidade, ou non dispoñen de “medios materiais ou persoais para desprazarse ata Santiago”.

 

Desta maneira, o Concello súmase á protesta colectiva das persoas maiores de 80 anos citada para vacinarse na Cidade da Cultura, de cara a que poida recibir a cuarta dose no seu centro de saúde. “Sería moito máis eficaz e beneficioso para o Sergas, xa que garantirían unha maior asistencia de persoas, e para a veciñanza, sería máis accesible e menos prexudicial desprazarse ó mesmo centro de saúde”, segundo sinala o escrito asinado polo alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez.

 

powered by social2s