A Deputación Provincial da Coruña financia as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 5602, de Negreira a Ponte Nafonso, na súa segunda fase. Os traballos de movemento de terras botaron a andar este martes 2 de novembro pola zona próxima á ponte de Barbazán, na parroquia de Lueiro.
A ampliación da estrada Negreira-Ponte Nafonso, conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros –inclúe o pago da expropiación deterreos-, pasa por ser un dos investimentos máis importantes programados pola área de Vías e Obras da Deputación, co que cumpre o compromiso do Goberno provincial de dar continuidade ao ensanche e mellora do trazado realizado nos primeiros seis quilómetros da estrada e que supuxeron unha notable mellora da seguridade.
Nesta segunda fase, as obras contemplan a ampliación da plataforma da estrada nun tramo de 2,5 quilómetros que vai dende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte Barbazán, dotando ao vial dunha calzada de 7 metros de ancho e arcéns de 0,5 metros naqueles puntos nos que a liña de planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección de trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento de drenaxe lonxitudinal e transversal da vía e sinalización.
Valoración
O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, congratulouse deste inicio das obras: «É un proxecto longamente esperado por toda a veciñanza e, polo que tivemos que pelexar durante moitos anos; primeiro, cun intento fallido para non recorrer ás expropiacións e axilizar o proceso que permitiría facela obra nun menor espazo de tempo, e logo, coa aprobación do proxecto e previo pago das expropiacións», segundo valorou o rexedor, quen agradece o esforzo da Deputación da Coruña.
As obras rematarán moi preto da ponte de Barbazán, onde se estreita notablemente a calzada, o que ocasiona un problema de seguridade para o que o departamento provincial de Vías e Obras busca a mellor solución encargando un estudo técnico que determine a mellor opción para ampliar o vial neste punto e outorgarlle unha maior seguridade aos condutores pola súa perigosidade e o mal estado de conservación do vello viaducto.