A Delegación de Cultura presenta un avance dos artistas e datas confirmadas do Verán Cultural 2021 do Concello de Negreira, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña:

 

Andrea Pousa (sábado 10 de xullo). A cantante e actriz Andrea Pousa, nacida en Tomiño, abrirá os concertos do Verán Cultural. Con máis de 15 anos de experiencia, Andrea Pousa presenta en Negreira o seu segundo álbum en solitario titulado Retorno. Neste traballo destaca a canción “Camiñares”, cuxo vídeo promocional gravouse en localizacións do Camiño de Santiago, entre elas, a paraxe natural de A Ponte Maceira.

 

Sés (venres 16 de xullo).- Chega a Negreira o fenómeno musical dos últimos anos na escea galega. Liberar as arterias é o seu sétimo traballo discográfico co que segue evolucionando o seu particular son que a consagrou no máis alto, e no que se inclúe unha selección de cancións con letra e música composta pola propia cantautora coruñesa. En 2020 cruzou o charco nunha xira que a levou a Arxentina, Uruguai, Paraguai e O Salvador.

 

Luar na Lubre (sábado 21 de agosto).- Chega de novo a Negreira a banda máis internacional de Galicia. Levan percorrido boa parte do mundo, dende Palestina a Canadá, ou dende Arxentina a Francia. A Negreira veñen a presentar o sue último traballo: Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, o 19 traballo discográfico da banda coruñesa, nun álbum que visualiza a pegada artística, cultural e natural do Camiño de Santiago, a través das historias de quen percorre os sendeiros: os peregrinos.

powered by social2s