Youtubeiras, a iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Negreira, Ames, A Baña, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña; pechan este venres 22 de outubro, ás 23:59 horas, o prazo de inscrición para a súa quinta edición. Estes galardóns, que teñen como finalidade ser acicate da creación en Youtube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar as/os youtubeiras/os en galego, divídense nun total de 12 categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público.

 

Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. Como gran novidade e co obxectivo tanto de fomentar a creación coma o mantemento de canles, non se poderán presentar vídeos illados como en anos anteriores. Así, poderán aspirar a gañar os galardóns nesta ducia de categorías todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de catorce anos con canles de Youtube, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.

 

O xurado e a decisión do público

 

Once das doce categorías nas que se dividen os Premios Youtubeiras serán decididas por un xurado profesional que analizará todas as propostas recibidas. O sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia, conformarán o xurado que, a partir da próxima edición, incluirá a persoa gañadora do premio ao mellor Youtubeiro/a.

 

No caso do premio do público, publicarase o próximo 25 de outubro un formulario de votación (na plataforma Easypromo) con todas as propostas recibidas que se difundirá a través das redes sociais de Youtubeiras e que estará habilitado até o 3 de novembro ás 23.59 h. Os tres vídeos que reciban máis votacións nese prazo pasarán ao xurado dos premios, que ratificarán a votación do público, tendo en conta que o vídeo máis votado cumpra as bases xerais.

 

#premiosyoutubeiras2021
#youtubeiras
#youtubeengalego

powered by social2s