Convócasen para o ano 2020, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas á renovación de electrodomésticos e á instalación de domótica enerxética en vivendas situadas en Galicia por parte de persoas físicas, para promover actuacións que fomenten o aforro e eficiencia enerxética.

 

Persoas beneficiarias

As persoas físicas que realicen algunha das actuacións establecidas no artigo 3 nunha vivenda sita na CA de Galicia. Para ser beneficiario terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web do Inega, www.inega.gal 

 

Vixencia do plan

Do 26 de maio ao 30 de setembro de 2020 ou cando se esgoten os fondos.

 

Actuacións que se subvencionan e contía máxima das axudas

 

a) Actuación 1. Plan Renove de electrodomésticos.

É subvencionable a renovación de electrodomésticos das tipoloxías indicadas na seguinte táboa por outros novos da mesma tipoloxía e con etiqueta de clasificación enerxética A+++. No caso das placas é subvencionable a substitución da placa preexistente de calquera tecnoloxía por outra nova de indución total. Para acceder á subvención hai que entregar o electrodoméstico retirado a un xestor autorizado.

 

Un beneficiario só poderá recibir axuda pola substitución dun único electrodoméstico de cada unha das tipoloxías de equipamentos incluídos e cun máximo de dous electrodomésticos por beneficiario.

 

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25 % do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, do 50 % para consumidores vulnerables e do 75 % para consumidores vulnerables severos.

 

Para os efectos desta convocatoria considéranse consumidores vulnerables e vulnerables severos os que cumpran os requisitos establecidos no Real decreto 897/2017, do 6 de outubro, polo que se regulan a figura do consumidor vulnerable, o bono social e outras medidas de protección para os consumidores domésticos de enerxía eléctrica e sexan beneficiarios do bono social eléctrico (desconto do 25 % para consumidores vulnerables e de 40 % para consumidores vulnerables severos), o que deberá acreditarse mediante a presentación dunha factura de enerxía eléctrica cunha antigüidade máxima de 3 meses anteriores á data en que se presenta a solicitude de reserva de fondos.

 

b) Actuación 2. Instalacións domóticas enerxéticas.

Son subvencionables as novas instalacións de elementos domóticos enerxéticos citados na seguinte táboa e a adaptación das instalacións existentes para a súa integración efectiva:

 

• Monitorización térmica da vivenda (sensores de humidade, temperatura, CO2 e/ou radon e termóstatos comunicados cun equipamento centralizado): 500 €

• Monitorización eléctrica da vivenda (medidores de consumo, racionalizadores de potencia, actuadores para a programación de acendidos e fotocélulas comunicados cun equipamento centralizado): 500 €

 

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 50 % do prezo da instalación, porcentaxe que sobe ata o 65 % para consumidores vulnerables e ata o 80 % para consumidores vulnerables severos.

 

Incompatibilidade das subvencións

Estas subvencións serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

 

Forma de presentación de solicitudes (IN414C)

As solicitudes subscribiranas directamente as entidades colaboradoras.

 

Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas.

 

Prazo de presentación

 • Solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras: do 26 de maio ao 30 de xullo de 2020. Para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).

 • Solicitudes de axuda: comezará o 1 de xullo de 2020 ás 9.00 horas para a actuación 1 e o día 2 de xullo de 2020 ás 9.00 horas para a actuación 2 e rematará o 30 de setembro de 2020 ou cando se esgoten os fondos.

 

Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega e no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

2. No teléfono 981 54 15 00.

3. Presencialmente, no Inega (rúa Avelino Pousa Antelo, 5, San Lázaro, 15703 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 15 00.

 

powered by social2s