O pasado 30 de setembro botaba a andar o Programa de emprego mocidade 2020, promovido polo Concello de Negreira en colaboración cos concellos da Baña, Santa Comba e Val do Dubra. Con 45 actuacións previstas nos catro concellos participantes e combinando cos módulos de formación teórica e práctica de ambos certificados de profesionalidade, as actuacións avanzan favorablemente.

 

Así, o equipo de Fábricas de albanelería rematou en Negreira as prácticas de formigón e tabicado no campo de fútbol Jesús García Calvo; un acceso para persoas discapacitadas no local social de Portor e a colocación de bancos e mesas de pedra nunha parcela tamén no lugar de Santa María de Portor. Durante este mes de xaneiro, están a traballar no baixo da cuberta do centro social e da terceira idade de San Vicenzo da Baña. Está previsto que a primeiros de febreiro actúen en Bembibre, coa ampliación da Biblioteca Municipal do Concello de Val do Dubra.

 

Colocación de mesas e bancos en Portor

 

Ao mesmo tempo, o equipo de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería xa renovou por completo o invernadoiro e os bancais con plantacións de inverno no terreo da rúa Tedelle da Baña, xunto con traballos de mantemento nas zonas verdes de San Vicenzo. Antes do Nadal, comezaron en Negreira coa limpeza e mantemento da zona axardinada da avenida de Santiago e destaca a importante renovación feita diante do Centro de Saúde e o Parque do Coto.

 

Renovación diante do Centro de Saúde

 

Esta especialidade tamén tivo a oportunidade de facer unha visita formativa ao Centro de Formación e Experimentación de Guísamo, onde se procuraba que acadasen un coñecemento maior da diferente maquinaria que se emprega en xardinería, e outra a un viveiro en Valga (Pontevedra). Durante este mes de xaneiro de 2021, continúan os traballos de poda e mantemento nos catro concellos xunto coa creación de viveiros para a obtención de planta de tempada que se utilizarán para os diferentes axardinamentos que figuran no proxecto.

 

Dende a dirección do Programa de emprego mocidade 2020 queren sinalar e agradecer que ambas especialidades están a contar co apoio, para o desempeño das súas tarefas, das brigadas dos concellos participantes, co servizo de mantemento de alumeados públicos da Mancomunidade de Concellos do Tambre e con Protección Civil.

 

 Arranxo invernadoiro na Baña

 

Neste primeiro trimestre, no proxecto impartiuse xa parte da formación complementaria que determina o Servizo Público de Emprego como foron as materias de alfabetización informática (30h), sensibilización ambiental (9h) e prevención de riscos laborais (60h). Tamén están a traballar, ata o mes de marzo, co módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes que se fai coincidir con días sinalados como foi o 25 de novembro (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller), a publicidade sexista en campañas de Nadal ou para conmemorar, o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. O alumnado traballador, durante todo o proceso formativo, recibe orientación, asesoramento, información profesional e formación empresarial.

 

O Programa de emprego mocidade 2020 está subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, cofinanciado polo pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil.

powered by social2s