A comparsa Talismán, de Salceda de Caselas, con máis de 80 compoñentes e a gran triunfadora na edición de 2019, regresa este sábado para desfilar polas rúas de Negreira no concorrido e participativo desfile de Entroido 2020 que comezará ás 17:00 horas coa saída dende o Campo dá Feira. Este ano con máis de unha ducia de comparsas, sen contar aos grupos de Negreira, Ames, Teo ou Ordes.
O desfile transitará pola Carreira de San Mauro, a rúa da Cachurra, a avenida das Brañas, Rosalía de Castro, a rúa de Castelao e maila rúa do Carme, punto e final do desfile.
O Concello de Negreira lembra á veciñanza que está prohibido estacionar desde a mañá do sábado na primeira parte da rúa de Castelao, entre o Camiño Vello e Rosalía de Castro, así como en toda a rúa do Carme; para a celebración do desfile.
Pistoletazo
Os catro días de festas de Entroido comezan este venres 21 en Negreira, a partir das 11:30 horas, cos desfiles da rapazada do CEIP O Coto polas rúas da vila, así como os nenos e nenas da Escola Infantil Municipal, que farán un percorrido dende a escola ata a Casa do Concello.
E ás 22:00 horas comezará a gran festa na Praza do Concello, co extraordinario espectáculo da orquestra La Fórmula, que durante máis de catro horas fará bailar e desfrutar ao público asistente.
Desfile
O sábado 22 é o día grande do Entroido. A partir das catro da tarde, as comparsas, carrozas e grupos, comezarán a concentrarse no Campo dá Feira, coa saída, a partir das cinco da tarde. Unha vez rematado o desfile, na Praza do Concello sucederase a actuación do grupo Atenas e maila posterior entrega de premios.
Domingo
O gran baile de disfraces para maiores trasládase este ano para a carpa instalada na Praza do Concello, a partir das 19:00 horas, amenizado por un grupo musical e con premios á mellor parella (cea nun restaurante), ao mellor grupo (xantar nun restaurante), e mellor caracterización (un pequeno electrodoméstico).
Luns
A festa infantil de disfraces tamén presenta a novidade de celebrarse no pavillón do CEIP O Coto, a partir das 17:00 horas, onde haberá talleres, inchables e música.