Dende o Concello de Negreira sumámonos ás mostras de pésame e fondo pesar polo recente pasamento de Xerardo Moscoso Caamaño; xinecólogo, actor, productor, cantautor, director de cinema e teatro, e activista, cuxa nai, Matilde Caamaño, era oriunda de Negreira, onde Xerardo pasaba as súas vacacións de verán sendo neno.

 

Licenciado en Medicina e especializado en Xinecoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, era director da Escola de Artes Escénicas da Universidade Autónoma de Coahuila (México), estado onde residía. Nos últimos anos traballou para a Secretaría de Cultura de México. Foi un dos fundadores da Nova Canción Galega e de Voces Ceibes (movemento contra o réxime franquista), sendo expulsado de España nove anos despois. Tivo unha longa e fructífera traxectoria no ámbito do cinema e o teatro na cidade de México, onde tivo a oportunidade de traballar cos mellores actores da súa xeración. Gañou o prestixioso Premio Xavier Villaurrutia que se entrega ás persoas que lograron desenvolver unha actividade importante no mundo do teatro.

 

O seu falecemento deixa un baleiro imposible de encher na difícil tarefa da promoción cultural, dos dereitos humanos e da difusión das artes.

powered by social2s