A Secretaría Xeral da Igualdade, a través dunha Resolución do 6 de febreiro de 2020, establece as bases reguladoras e convoca para o ano 2020 o programa de axudas para a concesión das estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas.
Obxecto
Facilitarlles ás mulleres, preferentemente vítimas de violencia de xénero, que teñan fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo, un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer, reforzando o seu vínculo materno-filial nun ambiente de seguridade, respecto e bo trato como modelo de convivencia.
Prazas e duración
Convócanse ata un máximo de 90 prazas, cunha duración de entre 7 e 9 días, en réxime de pensión completa, e desenvolveranse preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de setembro.
Condicións económicas
Os gastos de aloxamento, en réxime de pensión completa, traslado de ida e volta desde o seu concello de residencia, equipo de monitoras/es e actividades complementarias serán gratuítos para as persoas beneficiarias, e serán por conta da Secretaría Xeral da Igualdade.
Requisitos das beneficiarias
a. Ter fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos.
b. Non convivir con parella afectiva.
c. Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da CA de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.
d. Que a media dos os ingresos brutos mensuais da solicitante non superen o límite do importe de 1,5 veces o IPREM
e. Non padecer ela, nin as fillas/os menores e/ou menores en acollida que a acompañen, unha enfermidade que requira illamento e/ou que impida a normal convivencia.
Para asistir ao programa, as mulleres beneficiarias irán acompañadas das súas fillas/os menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, ambos inclusive, na data de presentación da solicitude..
Prazo de presentación
O prazo de presentación de solicitudes remata o día 24 de marzo de 2020.
Para maior información e presentación de solicitudes é necesario contactar cos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Negreira, chamando ó teléfono 981 885 381 ou ben nos teléfonos da SXI: 981 545 361 / 981 957 699 ou no enderezo electrónico da Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..