O Concello de Negreira vén de facer público o cadro de honra de gañadores do Concurso de decoración de Nadal, tanto na categoría de Particulares coma na de Establecementos.

 

Co obxectivo de contribuír a dinamizar e engalanar o municipio negreirés, o Concello organizou o Concurso de decoración de Nadal con dúas categorías diferenciadas: Particulares, para todo tipo de vivendas, e Establecementos, na que podían participar todo tipo de negocios abertos no territorio de Negreira. Os gañadores déronse a coñecer o venres, 18 de decembro trala valoración dos membros do xurado.

 

O xurado con dereito a voto estivo formado exclusivamente por representantes convidados das corporacións dos concellos veciños de A Baña, Ames e Brión, garantindo deste xeito a imparcialidade. Os criterios de valoración foron 3: Creatividade, Orixinalidade e Apreciación de elementos locais, con 10 puntos de máximo por cada un dos criterios.

 

Na categoría de Establecementos, os gañadores son os seguintes, con imaxes con parte das decoracións expostas:

 

1º) Las Cosas de Lía

 

 

2º) Abraham Fotógrafas

 

 

3º) A Nosa Taberna

 

 

Na categoría de Particulares, as persoas gañadoras son as seguintes, con imaxes con parte da decoración realizada:

 

1º) Uxía Pérez Ponte

 

 

2º) Silvia Fernández Blanco

 

 

3º) Mónica Romero Castro

 

 

O xurado valorou de forma moi positiva a calidade nas decoracións cunha grande creatividade e orixinalidade como factor máis común, e con moitos elementos feitos de xeito artesanal e reciclados. O apartado máis diferencial do concurso foi o de Apreciación de elementos locais, xa que non todas as persoas participantes lle deron protagonismo a este criterio.

 

O establecemento gañador, Las Cosas de Lía (Rúa do Carme, 19), destaca cunha decoración co Pazo do Cotón como protagonista do conxunto, ao que acompaña unha coidada vila de Nadal, cun pequeno tren con movemento rodeando unha fervenza con auga natural. A decoración complétase con luces e outros elementos característicos do Nadal, e unha árbore branca no fondo.

 

A vivenda gañadora, de Uxía Pérez, amósanos un conxunto ben coidado e escollido. Ademais dunhas luces de Nadal, podemos ver unha fiestra con decoración vexetal, campás, lazo e estrelas; outros motivos vexetais na entrada e unha pequena árbore e unha xesta decoradas flanqueando a fiestra máis destacada. Aquí atopamos un pequeno Belén ou Nacemento, representado na Ponte Maceira, a cal foi diferencial pola puntuación como elemento local do noso Concello.

 

Os premios entréganse este venres 18 de decembro, con 400 € para o primeiro dos establecementos, 150 € para o segundo e unha cesta de regalos cortesía de Gadis para o terceiro. Para os particulares, o primeiro levará unha tarxeta regalo (para gastar en establecementos de Negreira) de 100 €, o segundo outra tarxeta regalo (para gastar en establecementos de Negreira) de 60 €, e o terceiro unha cesta de regalos cortesía de Gadis.

 

As decoracións poderán contemplarse en establecementos e vivendas ata o 7 de xaneiro de 2021, e iranse publicando na páxina de facebook “Descubre Negreira”.

powered by social2s