Dende o martes, día 26 de abril de 2022, sométese a información pública a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación, do proxecto do parque eólico de Banzas, nos concellos de Outes, Negreira e Mazaricos; para que as persoas e institucións titulares dos dereitos reais sobre bens afectados, poidan examinar a documentación técnica e de selo caso, presentar as alegacións ou observacións que estimen oportunas, dentro do prazo de trinta (30) días, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG.
Este proxecto de explotación eólica dos recursos naturais está promovido pola empresa madrileña: Green Capital Power, SL, que conta instalar unha potencia total de: 31,185 MW; a través de 9 aeroxeradores de 3,465 MW de potencia nominal unitaria, e cun orzamento total de execución material de: 39.656.948,88 €; segundo o acordo da Xefatura Territorial da Vicepresencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña.
Lembramos que o 13 de novembro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) nº 230, o acordo do 5 de novembro de 2020, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, polo que se someten a información pública, a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (PS) do proxecto do parque eólico Banzas, nos concellos de Outes, Negreira e Mazaricos, na provincia de A Coruña.
A declaración de utilidade pública, de acordó co artigo 56.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, levará implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e impricará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.
Documentación
A relación concreta e individualizada dos propietarios de bens e dereitos afectados polo proxecto, pódese consultar a través do anuncio publicado este luns, día 25 de abril de 2022 no Diario Oficial de Galicia (DOG), a través da seguinte ligazón: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220425/AnuncioG0596-290322-0005_gl.html
Tamén pode consultarse a documentación nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, na rúa Vicente Ferrer, nº 2-2º andar, 15071 A Coruña, de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas, así como nas sedes dos concellos de Negreira, Outes e Mazaricos.
Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da seguinte ligazón:https://ceei.xunta.gal/transparencia/dup-pe/parque-eolico-banzas