Este sábado 16 de novembro, ás 21:00 horas e con entrada de balde, dentro da programación do Outono Cultural 2019 chega unha nova montaxe teatral, a cal conta a historia de Berto e Mónica, veciños ambos dunha vila da Costa da Morte con percorridos vitais moi diferentes que son como dúas caras da mesma moeda. Mónica encarna o entusiasmo de quen devece por retornar á súa terra, mentres Berto representa a apatía de quen tivo que ficar obrigado.

 

A acción da obra transcorre nun vello ultramarinos: o Finisterrae, un negocio familiar do que se fixo cargo Berto e que está condenado ao peche. Pero o Finisterrae é un local cheo de historia, con vellos estantes onde dormen reliquias de todos os tempos que pasaron polo negocio dende que foi aberto nos anos 50. E alí, segue acodendo cada mañá Berto, sen ser quen de tirar nin un só daqueles obxectos. E alí é tamén, onde o visita Mónica.

 

 

Valores da producción

Trátase dunha obra escrita por María Lado -Premio María Casares 2019 ao mellor texto orixinal por Anatomía dunha serea- que é un atractiva proposta estética coa incorporación de títeres e que pon en valor o local e ao pequeno comercio.

 

Unha homenaxe ás vilas afastadas das grandes cidades que sofren despoboación progresiva, pero que agochan diversas oportunidades. Tamén é unha oda ás raíces, que expresa o amor pola terra e o pulo das novas xeracións por retornar ás súas vilas de orixe.

 

Ficha técnica

Xénero: Teatro de actor e manipulación de títeres

Público: Adulto, a partir de 12 anos

Duración: 80 minutos

Intérpretes: Borja Insua, Celtia Figueiras e Topo Vidal

Dirección e dramaturxia: Topo Vidal

Escenografía e monicreques: Borja Insua

 

powered by social2s