O Concello de Negreira inviste 303.194 euros do Plan Único (POS+2019), financiado pola Deputación da Coruña, nun ambicioso proxecto de reurbanización e humanización da praza das Brañas. As obras están en fase de licitación ata o 23 de novembro.
As obras incluirán a construción dunha cuberta de chapa de aceiro para o parque infantil da praza, co obxectivo de protexer das inclemencias meteorolóxicas e da acción do sol aos nenos e nenas que xogan neste espazo.
Dentro das actuacións, tamén se proxecta o axardinamento da área de zonas verdes, coa finalidade de eliminar o terreo de grava existente e dotalo de especies vexetais urbanas coa plantación de árbores coma tilos, tuyas, rododendros e magnolios. Á súa vez, instalaranse tres pérgolas vexetais, céspede, unha fonte recuberta de pedra garnítica e un sistema de rego automático.
Tirolina
Na área norte da praza, colocarase unha tirolina, con solo especial para amortiguar caídas, e pintaranse xogos tradicionais no chan, coma o tres en raia ou a "rayuela". Nesta área tamén se procederá á prantación de árbores.
"As obras suporán unha importante mellora estética e unha aposta pola humanización da praza, que se ubica na zona máis poboada de Negreira", segundo o alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, quen destaca que a cuberta do parque infantil, a creación de zonas verdes e a instalación de novo mobiliario urbano contribuirán a facer un entorno idóneo para o tempo de ocio para a veciñanza.