A Delegación de Cultura programou as actividades das Letras Galegas 2021 con especial fincapé no apartado da música coma o agardado regreso das actuacións ao vivo da Banda de Música Ateneo de Negreira, baixo a dirección do mestre Raúl Martín Niñerola, na que vai sela primeira actuación dende que comezou a pandemia en marzo do ano pasado. A cita vai selo sábado 15 dende as 19:00 horas na carpa instalada na Praza do Concello, con aforo limitado e medidas de control sanitario pola covid-19.
Ao día seguinte, o domingo, regresa o programa #Feireando cunha nova entrega no mesmo escenario de sempre, na carpa da Praza do Concello, onde a partir do mediodía sucederánse as actuacións da Escola Municipal de Pandeireta e inmediatamente despois, e a modo de sesión vermú, a agrupación Faíscas dá Pontraga.
Faíscas dá Pontraga fundouse en xullo de 2002, tras unirse catro amigos para participar nun concurso de cuartetos tradicionais. Esta primeira reunión deveu noutras e permitiu a incorporación de novos integrantes e instrumentos ata constituírse na “charanga tradicional” que son. En decembro de 2015 gravan o seu primeiro traballo discográfico chamado “ Velaí vén!”, que sae á luz en abril de 2016. Este disco gravouse co pretexto de seguir divulgando a cultura tradicional e sobre todo deixar constancia do seu traballo nun soporte que asegure a súa supervivencia co paso do tempo.
Aínda que Faíscas dá Pontraga son un grupo que fai música de corte tradicional, con gusto pola investigación e recuperación de temas populares recollidos a través da trasmisión oral, que logo expoñen en concerto cunha presenza principalmente instrumental e vocal, aderezan os seus directos cunha pequena mostra de baile tradicional. Recuperan e manteñen sons e melodías que nos transportan no tempo, que non no espazo, pois a súa raíz é inconfundible. Atrévesen incluso cunha cumbia.
O exército das Paxariñas
O martes 18 de maio, a partir das 18:00 horas contaremos no Centro Sociocultural da vila coa actuación de narración oral de Soraya Lema e música en directo interpretada por Adela Dios. Trátase do espectaculo "O exército das Paxariñas", recomendado para o público familiar, a partir dos catro anos. É necesario facer a reserva de praza no número: 607 153 604.
Entrega do libro "Teimas dun ninguén"
O xoves 20 de maio, ás 11:00 horas e coa presenza do alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e o presidente do xurado do noveno Certame de Poesía "Xosé M. López Ardeiro, José Antonio Ponte Far, faráse entrega da edición do poemario ao gañador da edición do ano 2020, Roberto Rodríguez González. Neste acto a celebrarse no Auditorio do Centro Sociocultural contarase coa presenza de alumnado do IES Xulián Magariños, coa lectura de poemas e a actuación musical do grupo As Maianas.
Entre outras actividades desenvolvidas pola festividade das Letras Galegas salientamos a celebración dunha charla divulgativa sobre a figura de Xela Arias, a escritora, poetisa e tradutora homenaxeada neste 2021, promovida dende o Departamento de Galego do IES Xulián Magariños, a cargo do profesor Carlos Negro, escritor e poeta, de cuxa autoría é o libro: Xela Arias, quedás en nós, editado por Edicións Xerais, no ano 2004. Cando a esta actividade, dende o Departamento de Galego levouse a cabo unha lectura radiofónica de poemas de Xela Arias e unha entrevista con Carlos Negro, emitidas a través dun especial cos estudantes en Radio Negreira, o mércores 12 de maio.