O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe cando á alcaldesa accidental, María del Mar García Vidal, na presentación do XI Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro durante un acto no que fíxose entrega da edición do poemario gañador da última edición, e que se celebrou no salón de plenos da Casa do Concello. Estiveron acompañados polo presidente do xurado, José Antonio Ponte Far, e mailo membro do mesmo, o poeta Xulio López Valcárcel, en representación de Medulia Editorial coma editor do libro, así coma familiares do finado poeta de Logrosa, entre outros.
A obra gañadora en 2021 foi Furtivas, cuxo autor é Rafa Vilar, natural de Cee e filólogo e escritor, sendo un dos promotores do Batallón Literario da Costa da Morte. O libro está composto por 70 poemas que foron editados nun libro por Medulia Editorial como parte do premio que entrega a Consellería de Cultura, dunha edición total de 300 exemplares, aparte do premio en metálico de 2.500 euros que xa lle foi entregado en decembro pasado durante o acto do fallo do xurado por parte do Concello de Negreira.
Anxo M. Lorenzo salientou o apoio da Xunta a certames como o Xosé M. López Ardeiro de poesía que dende hai once anos organiza o Concello de Negreira co apoio da Xunta, e engadiu: «Esta iniciativa constitúe ademais unha homenaxe ao poeta negreirés, cuxa frutífera obra pervive a través deste certame e das propostas que a el se presentaron nestas dez edicións», apuntou.
Este acto celebrado hoxe serviu para presentar unha nova edición do certame, a undécima. O prazo de presentación das obras vai do 26 de xullo ao 1 de decembro. A contía do premio repite coma na edición de 2021: a publicación do poemario gañador por parte da Dirección Xeral de Cultura, coa entrega dun lote de exemplares, así coma 2.500 euros de premio en metálico por parte do Concello de Negreira. O segundo finalista recibirá un premio consistente en 500 euros en metálico por parte do Concello de Negreira.
O fallo do xurado darase a coñecer nun acto a celebrarse no Auditorio do Centro Sociocultural, o venres, día 16 de decembro de 2022.
Os poemarios deben ser orixinais, inéditos e non ter sido premiados con anterioridade en calquera outro concurso ou certame. Deben estar escritos en lingua galega e terán unha extensión mínima de 350 versos e máxima de 700, escritos con tipografía de imprenta (tipo Arial 12 ou similar), a dobre espazo, e con absoluta liberdade do autor/a en canto a estrofas, medida e rima. Os participantes deben presentar unha copia impresa e outra dixital (en formato Word ou pdf), sen sinatura, e facendo constar neles soamente o título e o lema. Noutro sobre deberán achegar no seu interior: o lema xunto co nome, dous apelidos, fotocopia do D.N.I., e número de teléfono do autor/a, e no exterior de dito sobre consignarase o lema e o certame ao que se presenta. Compre sinalar que só se abrirán os sobres dos poemarios premiados.
Os traballos deberán ser entregados na Delegación de Cultura e Deportes, na primeira planta da Casa da Cultura, na Carreira de San Mauro, número 11 (15830 Negreira – A Coruña). Mais información: 981 885 886 ou a través do enderezo: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..