O Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña vén de convocar aos titulares dos terreos afectados polo proxecto de ampliación e mellora da seguridade vial, na DP 5602 de Negreira a Pontenafonso, ao pago de depósitos previos polo proceso de expropiación, os días 14 e 15 de xullo, en horario de 16:00 a 19:00 horas, na entrada ao Centro Sociocultural, con acceso dende a avenida de Santiago.
A ampliación e mellora da estrada provincial cara Pontenafonso, no treito entre o punto quilométrico 6,105 ao 8,63, vai dende Liñaio, en continuación do primeiro treito de seis quilómetros que xa foi ampliado pola Deputación, ata a ponte de Barbazán, na parroquia de Lueiro. Trátase dun dos proxectos máis importantes e demandados longamente pola veciñanza da conca dereita do río Tambre para melloralas comunicacións coa capital do concello e da comarca de Barcala.
Lémbrase que é necesario acudir con máscara de protección.