En recoñecemento ao seu traballo no ámbito científico e o seu labor de divulgación, o Concello de Negreira entregou este martes 8M o distintivo á investigadora nun acto celebrado no Auditorio Centro Sociocultural diante da veciñanza negreiresa.

 

Minia Manteiga Outeiro é a primeira muller catedrática de Astrofísica en Galicia e cuarta académica numeraria da Real Academia Galega dás Ciencias. É pioneira e referente feminino no ámbito científico.

 

Ao evento asistiron o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, a concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, María del Mar García Vidal, o portavoz do Partido Popular, Rubén Suárez Carballo; a directora e avogada do CIM, Rosa Fuentes Cambeiro, a psicóloga do CIM, María Eyo. No evento destacouse o traballo pioneiro que levou a cabo Minia Manteiga no ámbito científico, así como o seu labor de divulgación a todos os niveis, que é fonte de inspiración para as investigadoras do futuro.

Nada en Negreira, Minia Manteiga pasou os seus primeiros anos de vida entre Caracas, en Venezuela, e A Coruña. Ela mesma sinala que se interesou pola ciencia desde que era unha nena, sentindo curiosidade pola botánica, a bioquímica e todo o relacionado coa investigación espacial. Licenciouse en Ciencias Físicas na Universidade de Santiago de Compostela (USC) nunha etapa na que a presenza feminina nun campo como este era escasa.

 

Co Premio 8 de Marzo, o Concello de Negreira recoñece o traballo e o papel das mulleres negreiresas ao longo da historia. Un galardón que neste 2022 celebra xa a súa sexta edición e consolídase como un dos actos centrais nas reivindicacións polo Día da Muller.

 

O acto rematou cunhas palabras da homenaxeada, e maila actuación das alumnas da Escola Municipal de Pandeireta.

powered by social2s