A primeira sesión plenaria de 2023 comezou gardando os concelleiros e concelleiras, un minuto de silencio en memoria de quen fora alcalde do Concello en dúas etapas (1995-2007 e 2011-2013), José Blanco Pazos, quen finou o pasado 24 de decembro de 2022. Igualmente, este minuto de silencio foi tamén polo veciño José Silva Lens, atopado morto en tráxicas circunstancias tras varios días de búsqueda. O portavoz do Partido Popular, Rubén Suárez Carballo, pediu que a Corporación municipal condenase os feitos ocorridos durante o enterro de José Blanco Pazos. O mandatario, Manuel Ángel Leis Míguez, reiterou que cando lle foi trasladado o malestar polo propio Suárez Carballo, xa dixo que condenaban tales feitos “fose o ex-acalde ou fose calquera outra persoa, pois para nós non teñen ningún tipo de lóxica, nin de sentido, nin de aceptación”, indicou o rexedor.
En canto aos asuntos que formaban parte da Orde do día do pleno ordinario, deuse luz verde por unanimidade, á aprobación provisional, da modificación da Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana, coa exposición pública de 30 días.
O pleno municipal tamén prestou aprobación, coa abstención dos cinco concelleiros do Partido Popular, ao punto cuarto da Orde do día relativo a: Recoñecemento extraxudicial de créditos, por un importe total de 823.349 € en concepto de facturas non recoñecidas na contabilidade municipal de 2022 e que deben ser incluidas para o seu abono en 2023. O portavoz do PP, Rubén Suárez Carballo, expresou que con respecto aos exercicios de 2020 e 2021 “hai un aumento considerable do gasto, e que leva camiño do que vostedes nos criticaban en 2015”, ao tempo que criticou conceptos de gastos como en “publicidade e comunicación institucional por un importe mensual de 1.492 euros”, que segundo o alcalde, correspóndese cunha firma que edita o xornal municipal, a través dun contrato menor por doce meses.
O alcalde negreirés, Manuel Ángel Leis Míguez, subraiou en resposta ao Partido Popular, que “moitas das facturas corresponden a gastos enerxéticos como con Naturgy, ou mesmo da xestión dos residuos con Sogama”, e asegurou que os proveedores locais “están cobrando prácticamente nos prazos que marca a lei, aínda que poderían quedar algunhas facturas por esgotamento de crédito en determinadas partidas”, segundo afirmou o mandatario negreirés.
Por último, salientar que pola vía de urxencia, foi aprobada unha proposta do Goberno municipal para prorrogar a suspensión do pago de dúas taxas municipais, cuxa exención fora aprobada polo Pleno en 2021 por considerarse beneficioso para a veciñanza. Trátase das taxas pola expedición de documentos administrativos e pola licenza de apertura de establecementos ou pola actividade de control posterior daquelas actividades sometidas a comunicación previa.