Trala súa apertura o 1 de xullo de 2021, cun horario de atención continuo de luns a domingo, de 12:00-14:00 e de 16:00-18:00 horas, incluídos festivos, e sendo atendido por dúas persoas, o Punto de Información Turística vén de pechar as súas portas o pasado xoves día 30 de setembro.

 

No mes de setembro foron atendidas un total de 730 persoas, fundamentalmente peregrinos e peregrinas que veñen facendo o Camiño de Fisterra e Muxía. A maioría dos que se achegan pola caseta de información son de procedencia nacional (67%), mentres que o (33%) restante son de fóra de España. Subindo a porcentaxe dun 6% da procedencia internacional con respecto aos dous meses anteriores.

 

Predomina como motivo principal de consulta o selo, o 44% dos peregrinos e peregrinas que pasan por este Punto queren selar a credencial do camiño, segundo constata o informe de valoración dos datos que foi emitido por María Núñez Vicente, técnica de turismo do Concello de Negreira. A motivación principal dos peregrinos e peregrinas que fan o Camiño de Fisterra-Muxía ordenadas por frecuencia son o deporte, natureza, turismo, e por último, a relixión.

 

Valórase tamén se é a primeira vez que están en Negreira ou repiten a experiencia e o 99% dos visitantes coinciden en que é a súa primeira vez, fronte o 1% que repite a experiencia. A gran maioría dos que foron atendidos na caseta foron peregrinos e peregrinas correspondendo co 93% que facían o Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía a pé 88% ou en bicicleta 5%; e unha pequena porcentaxe do 7% foron turistas que se achegaron ata Negreira en coche particular ou noutros medios de transporte. Respecto a idade, o grupo máis numeroso represéntao as persoas entre 35-60 anos cun 48%, en segundo lugar os de entre 18-35 cun 26%, seguido dos de máis de 60 anos co 24%, e por último cunha representación do 0,96% os menores de idade. En canto o sexo das persoas que pasan pola caseta de información turística o 56% son homes e o 44% mulleres.

 

Por outro lado, a media por día de usuarios e usuarias que pasan pola caseta de información turística anda entre as 25 persoas diarias, sendo os martes, mércores e xoves, onde se concentra unha maior afluencia de persoas que buscan información. Podemos destacar o día 25 de setembro no que pasaron pola oficina un total de 70 persoas, chegando á cifra máxima do mes.

 

Foto: Arquivo Concello de Negreira

powered by social2s