Poden solicitarse ata o día 11 de xuño dentro do Plan de Emprego Local (PEL) e están convocadas pola Deputación da Coruña e dirixidas a autónomos e pequenas e medianas empresas. Na liña PEL-PEMES, a Deputación financia ata o 70% do salario dun traballador/a contratado durante un período de un ano. Na liña PEL-Emprende subvenciona novos investimentos en empresas de menos de cinco anos con ata 17.500 euros.

 

O prazo de solicitudes, que fora suspendido en marzo debido ao estado de alarma, retómase de novo a partir de hoxe luns e estará aberto ata o vindeiro 11 de xuño.

 

A liña PEL-PEMES subvencionará ás pequenas empresas e autónomos con sede nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña para a contratación laboral dunha persoa en situación de desemprego durante un período de 12 meses. A Deputación financiará o 70% do soldo e a Seguridade Social do traballador contratado, ata un máximo de 15.400 euros anuais.

 

Habilítase tamén unha liña PEL-PEMES Mantemento, coa que a Deputación subvenciona o mantemento das contratacións laborais indefinidas da convocatoria anterior do programa durante un ano máis. Deste xeito, as empresas poden optar a unha nova axuda para manter o posto de traballo creado en 2019 durante 12 meses máis. Nestes casos, a Deputación financiará o 50% do soldo e Seguridade Social do traballador cun importe máximo de 11.000 euros anuais. Estes contratos son sempre de carácter indefinido.

powered by social2s