Hoxe presentamos a variada oferta do Verán Cultural 2021 no parque do Coto, un dos grandes espazos de lecer na nosa vila. O programa foi presentado polo alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez; primeira tenente de alcalde, María del Mar García Vidal e os concelleiros, Iván Guardado Porto e Adolfo Manuel Barbosa, cando aos técnicos de Cultura e Deportes, así como de Turismo.

 

O programa –pódelo consultar ao final do texto-, contempla máis dunha trintena de actividades entre os meses de xullo e setembro, onde sobresaen concertos como os de Mekánika Rolling Band, o venres 9 de xullo; Andrea Pousa e Sheila Patricia, o sábado 10 de xullo, englobados nas festas de San Cristovo, do 9 ao 11 de xullo, incluíndo o domingo o concerto da Banda Ateneo de Negreira; aos que se engaden os de Sés, nun dos primeiros directos da súa xira Liberar as arterias, con Adhara & Ritman de teloneiros, o venres 16 de xullo – con entradas a seis euros en www.ataquilla.com-, e Luar na Lubre, quen actuará o sábado 21 de agosto. Son os pratos fortes cos concertos no patio do CEIP O Coto, pero hai moito máis.

 

En xullo haberá oportunidade de gozar do Propulsada danza, na Ponte Maceira, un programa de danza e artes de movemento que patrocina o Xacobeo 21-22 e, en agosto, o día 27 o Festival Folclórico; o 28 a segunda edición do Wakau Urban Fest. Tampouco faltarán as citas do Cultura a pé de rúa, con Fran Rei, a modo de clow o 2 de xullo, mentres que en agosto Lila Star, espectáculo acrobático (día 6) e Marta Alonso e Paula Quintas, con Analepsis+ Dancing Queen, o 13.

 

Unha das novidades que salientou o alcalde de Negreira, vai sela xira “máxica” que o mago Romarís realizará por distintas parroquias durante todo o verán. A iso, súmanselle o campamento urbano Respira, os campamentos de verán en Boiro, os obradoiros Diververán no Centro Sociocultural, ou os cursos de natación na piscina municipal do Coto.

 

No mes de setembro, pendentes de que se poida celebrar a Feira do Románico na primeira fin de semana, confirmámos o Festival de Bandas de Música, o domingo 19 de setembro coa participación da Banda de Música Ateneo de Negreira e maila Banda de Música Municipal de Padrón, na praza do Concello.

 

Impulso ó deporte

 

Durante os meses de xullo e agosto desenvolveranse distintos campus deportivos organizados polos clubes locais, tal é o caso do Campus Compos de fútbol, pola Asociación Deportiva Nicrariense (ADN); o Summer Training Days, de baloncesto, e o Clínic de Tenis de Verán, organizado polo club Tenis Negreira, así como o Torneo de tenis Circuito FF Concello de Negreira, do 26 de xullo ao 1 de agosto, no Complexo Deportivo de Pedra Mámoa.

 

Consulta aquí programa completo. 

 

Attachments:
Download this file (Veran Cultural.pdf)Veran Cultural.pdf
powered by social2s