A compañía concesionaria do servizo municipal de abastecemento e depuración de augas do Concello de Negreira, a santiaguesa Espina & Delfín, acaba de presentar o seu proxecto de dixitalización do ciclo urbano da auga á primeira convocatoria de subvencións no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PERTE). Comprende un total de vinte actuacións, cun orzamento de 12 millóns de euros e do cal poderían beneficiarse nove concellos galegos, entre eles, Negreira.
Este ambicioso proxecto pretende implementar a última tecnoloxía relacionada coa dixitalización do ciclo da auga en concellos de tamaño pequeno e medio, cunha poboación conxunta de máis de 80.000 habitantes. Os municipios elixidos son Cartelle, Cerceda, Coirós, Leiro, Negreira, Palas de Rei, Sarria, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa, sendo este último o concello tractor.
Trátase dun total de vinte actuacións que levarán a cabo nun prazo máximo de tres anos: telelectura de contadores de abonados, instalación de caudalímetros, analizadores de parámetros fisicoquímicos, sectorizaciones de redes, sistemas de información xeográfica (SIG) e intelixencia artificial (IA) para control de explotación e calidade, modelización de redes e xemelgos dixitais, etc.
A proposta inclúe tamén o emprego de novas plataformas de acceso á información para compartir datos coas Administracións e os usuarios finais e así maximizar a transparencia.
Con estas innovadoras medidas mellorará o estado das masas de auga grazas á diminución das perdas durante o seu transporte e distribución e á maior calidade da auga vertida, o cal axudará a mitigar as consecuencias do cambio climático.