foto1.jpg

 

O venres, día 16 de setembro, ás 20.00 horas, na antiga escola unitaria de Liñaio terá lugar a homenaxe póstuma a Avelino García García, deportado en Mauthausen e veciño de Liñaio. A súa vez, presentaráse o libro “Avelino García García: Raigames profundas”, cuxo autor é José Manuel López Tuñas


A recuperación da historia deste veciño de Negreira foi paralela a tantos héroes galegos descoñecidos e que dende a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), pretenden recuperar.


Despois de moitos anos de traballo, o investigador José Manuel López Tuñas foi quen de sacar á luz a vida do home de Maio Pequeno, un lugar da parroquia de Liñaio, Avelino García García.


O acto de presentación do libro “Avelino García García: Raigames profundas”, conta coa colaboración do Concello de Negreira e maila Asociación de Veciños “O Teleclub”. A edición do libro foi cofinanciada pola Deputación da Coruña e a ARMH.


O acto contará coas intervencións de:

- Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira e presidente da Asociación de Veciños “O Teleclub”

- Carmen García-Rodeja Arribí, voceira da ARMH Galicia

- José Manuel López Tuñas, autor do libro.

Haberá outras intervencións xunto coa actuación musical de Carmen Torreiro.
Os asistentes serán obsequiados cun exemplar do libro “Avelino García García: Raigames profundas”, e a AAVV “O teleclub” ofecerá uns pinchos.


Avelino Garcia García


Cando as primeiras patrullas da II División do Terceiro Exército do Xeneral Patton fixeron a súa entrada no campo de exterminio de Mauthausen o 5 de maio de 1945, o corazón de "Avelino da Xalleira", como era coñecido entre os seus conveciños, voou na distancia, sen dúbida, a Maio Pequeno. Esta aldea da parroquia de Liñaio en Negreira foi onde pasou parte da súa infancia na compaña da súa nai Isolina.


O campo de concentración de Mauthausen, en Austria, foi o destino que agardou a casi 10.000 republicanos españois que ao final da Guerra Civil se refuxiaran en Francia. Entre eles, perto de 200 galegos caeron vítimas dos nazis no que foi calificado como un xenocidio, un dos crimes máis sanguinarios da historia da Humanidade.


Procedentes de diversos lugares das catro provincias, na meirande parte das localidades costeiras, só uns poucos sobrevivirían en 1945, cando o campo foi liberado polas forzas aliadas.


Avelino García García emigrou a Francia con 15 anos, en 1929, e retornou a España para participar na Guerra Civil e defender ao seu país contra o fascismo.
Xunto con outros españois foi enviado a Barcelona. Formou parte da 5ª Compañía do 6º Batallón, 120 Brigada da 26 División do Exército, como un soldado máis, participando nas operacións militares que tiveron lugar contra os sublevados.


Finalizada a contenda, voltou de novo a Francia e formou parte da Compañía de Traballadores Estranxeiros perto da Liña Maginot, a defensa construída ao longo da fronteira con Alemania e Italia, cavando trincheiras. Logo da invasión do país francés polos nazis foi detido polas forzas alemanas, en maio de 1940, e xunto con outros mozos republicanos estivo recluído no stalag (campo de prisioneiros) de Fallingbostel, actual estado da Baixa Saxonia. Foi dos primeiros deportados en chegar ao campo de Mauthausen, cunha expedición de 1.506 xóvenes compatriotas despois de viaxar dous días nun tren utilizado para transporte de animais. Chegaron a mañán de 27 de xaneiro de 1941.


Avelino García García foi tatuado co número de deportado 6794 que o acompañaría para sempre, xunto cos terribles pesadelos vividos nese inferno. Durante dous anos, na compaña de 300 españois, sairía todos os días a traballar nunha fábrica de motores de aviación, montando a parte metálica, pois no entorno dos campos ubicábanse as máis importantes empresas alemanas que utilizaban a man de obra escrava dos deportados. Logo foi trasladado ao subcampo de Güsen a traballar nun tunel con un martelo picón, e posteriormente destinado a conducir un tren que trasladaba o material mineiro. Así foi ata dous días antes da liberación en que os alemáns abandoaron o campo.


A ledicia dos deportados comezou a esvaecerse pouco a pouco para os españois, ao seren informados de que non serían retornados ao seu país ao seren declarados apátridas polas autoridades franquistas, polo que tiñan que ficar en Francia, onde, desta volta si, foron acollidos como loitadores pola liberdade e a democracia.


Avelino comezou unha nova vida no país veciño e formou unha familia. Na localidade de Pessac (Burdeos) viviu integrado na Federación Nacional dos Deportados e Internos, Resistentes e Patriotas (FNDIRP) da que foi secretario, participando en numerosos actos públicos e oficiais.
As secuelas psicolóxicas e físicas acompañárono durante o resto da súa vida. Finou nesa localidade da Gironde, onde gozaba de moita estima, o 12 de maio de 2016 aos 102 anos de idade.


Durante toda a súa vida foi un exemplo de compromiso coa Democracia e os Dereitos Humanos e así recoñecido coa medalla de ouro ao deportado da República Francesa.

powered by social2s