O servizo de Atención Temperá dos concellos de Negreira e Val do Dubra celebrou esta mañá, no Auditorio da Casa da Cultura, un pequeno acto coas familias dos rapaces e rapazas usuarias da unidade, que atende a vinte sete nenos e nenas de entre cero e seis anos en Negreira.
As traballadoras do servizo fixeron presentación dun breve vídeo que recompila varias das metodoloxías empregadas para atender á rapazada, ademais de repartir uns pequenos obsequios aos nenos e nenas. Con este acto, a unidade comeza un período de descanso ata o vindeiro mes de setembro, cando retomarán a súa actividade.
O servizo de Atención Temperá, ofrecido grazas ao convenio dos concellos de Negreira e Val do Dubra, realiza un traballo de diagnose e valoración de diversas dificultades ou trastornos de desenvolvemento en rapazas e rapaces de entre 0 e 6 anos. A unidade está integrada por profesionais da pedagoxía, psicoloxía, logopedia e fisioterapia, que traballan co fin de mellorar as capacidades comunicativas, psicomotrices e cognitivas dos nenos e nenas suxeitas ao programa.
A actividade do servizo desenvólvese de luns a mércores no edificio do antigo instituto de Negreira, na rúa de Castelao, e os xoves e venres, no Val do Dubra. A unidade permite que a rapazada que necesita desta atención non teña que pasar polas instalacións do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, que os deriva directamente ao seu servizo local de referencia.