En setembro foron 1.595 os peregrinos que se achegaron ata a Caseta de Información que o Concello ten instalada na avenida de Santiago, e que debido á afluencia rexistrada decidiuse prorrogar a súa apertura ata o vindeiro día 15 de outubro.

 

Os peregrinos nacionais cun 35,55% foron os máis que máis solicitaron o servizo, cun total de 565, seguidos dos alemáns con 206 (12,96%), os italianos 169 (10,63%), e na cuarta posición están os que procedían de México, un total de 120. O quinto posto das nacionalidades que máis demandaron o servizo está compretado polos franceses con 102 peregrinos.

 

Por franxas de idades, os de 35-60 anos foron 652 (41%), seguidos dos de 18 a 35 anos con 528, e os maiores de sesenta anos cun total de 375 (23,6%). 

 

De todo o mes de setembro, a xornada de maior demanda do servizo foi a do sábado 10 de setembro con 144 peregrinos e o luns día 12 con 97. Do total, máis do 97% era a primeira vez que facían o Camiño de Fisterra, cun total de 1.551 persoas.

 

Un 88% chegou a Negreira a pé, e o 5% en bicicleta. En canto á motivación, o espiritual lévase a palma con 622 (39%), seguido do relixioso con 340 (21%), deporte 186 e por motivos culturais 184, por 165 que dixeron facelo por turismo. 

powered by social2s

Hoxe venres 30 de setembro un total de 20 alumnas e alumnos comezan o Obradoiro de Emprego Barcala – Dubra II, no que tomarán clases durante 6 meses. O alumnado procedente dos concellos de Negreira, A Baña e Val do Dubra divídese a partes iguais nos módulos de operacións de revestimentos e construción e de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

 

Os participantes levarán a cabo unha serie de melloras nos tres concellos como parte práctica formativa do programa. En Negreira procederán ó formigonado impreso na rúa do Parque do Coto e na parte traseira do Pavillón de Pedra Mámoa, á reforma Interior na Escola Unitaria de Aro e á mellora da Fachada do Instituto Vello.

 

En Val do Dubra repararán as beirarrúas en Bembibre, Rial e Portomouro e farán a reforma interior e a mellora da fachada da Casa Escola de Coucieiro; e na Baña a renovación das beirarrúas en Ceilán e a pavimentación de accesos á vivenda comunitaria de San Mamede.

 

Ademais da instrución dentro dos módulos, o alumnado recibirá formación de alfabetización informática, sensibilización ambiental, prevención de riscos laborais e clases para poder obter o título de Educación Secundaria Obrigatoria ou das competencias clave.

powered by social2s

A cuarta entrega do ciclo de monólogos de Negreira contará un ano máis con alguns dos mellores actores e cómicos do panorama galego.

 

O primeiro en actuar será o cómico Isi na xornada do venres 7 de outubro. O seguinte venres, 14 de outubro, será a quenda do actor Luís Zahera, seguido polo coruñés David Perdomo o venres día  21. Carlos Blanco será o encargado de pechar o ciclo na xornada do 28 de outubro.

 

Tódalas funcións terán lugar no Auditorio do Centro Sociocultural e as entradas poden retirarse na delegación de Cultura dende o luns anterior a cada sesión, a un prezo de 5 euros por función. Este ciclo de monólogos é a principal actividade do Outono Cultural de Negreira, que tamén incluirá concertos no mes de novembro.

 

Máis información. 

powered by social2s

Logo de que na primavera se adherisen ao programa Apego os concellos da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo, chega agora o momento no que comezan a traballar na súa aplicación coas familias interesadas en incorporar o galego á crianza das súas fillas e fillos nos respectivos municipios.

 

Estes once concellos súmanse aos doce que puxeron en marcha a iniciativa en 2015 (Negreira, A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo) co impulso inicial da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Grazas a esta colaboración intermunicipal, a poboación atinxida polo programa Apego supera xa o millón de habitantes.

 

O programa procura aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Dentro das accións que se realizan, a máis coñecida xa é a entrega de cadansúa caixa con información e recursos en galego ás familias que acceden a formar parte da comunidade do programa. A partir desa adhesión, reciben periodicamente información e propostas para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades. Para lograr isto, ademais dos espazos na rede onde se facilitan recursos (www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal), varios concellos publican materiais específicos para divulgar a oferta de actividade infantil e tamén reforzan a programación con convocatorias nas que as nenas e nenos poden gozar, aprender e relacionarse na nosa lingua.

 

Grazas ao medre do proxecto, coas novas incorporacións, Apego está xa producindo novos recursos, nesta ocasión materiais audiovisuais para a súa difusión nas redes. Trátase de pezas de vídeo para transmitir os obxectivos do proxecto, explicarlles o funcionamento ás persoas que desexen sumarse e divulgar de xeito atractivo algúns contidos que, ben seguro, as nais e pais han considerar útiles (unha canción para ir durmir composta especialmente para este proxecto, xogos de dedos, os sons dos animais, as cores, as froitas, como atar os cordóns...). A distribución destes materiais farase a partir da canle en Youtube do proxecto Apego e tamén das súas redes sociais.

 

O Apego mantense desde os Servizos de Normalización dos concellos participantes, a onde se poden dirixir as persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade de usuarias.

powered by social2s

Este luns 26 de setembro efectuouse en Radio Negreira o sorteo de agasallos de prendas deportivas doadas por Breogán Deportes e Garsport, establecementos colaboradores coa IX Andaina Popular «Negreira no Camiño de Fisterra», celebrada o pasado sábado. De entre tódolos participantes, este foi o resultado final dos dez agasallos: 

1) Camiseta. Diego Fernández (Negreira)

2) Camiseta. Manuel Castro Nimo (Noia)

3) Mochila. Xoán Xosé Hidalgo (Ames)

4) Camiseta: Andrea Laiño (Negreira)

5) Camiseta: Rosa María Conde (Santiago)

6) Camiseta: Julián Sobrino Vázquez (Ames)

7) Malla corta: María Teresa Figueira (Rianxo)

8) Top atletismo: Teresa Couto Valle (Noia)

9) Chaleco polar: Javier Cacho Otero (Santiago)

10) Mochila: Juan Dieste Leis (Boiro)

 

Noraboa todos eles e elas, e grazas a tódolos participantes. Agardámosvos para a edición de 2017 en Negreira. 

powered by social2s