rodeiro241018.jpgO delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o parque empresarial de Negreira para comprobar os proxectos de mellora das infraestruturas viarias e da seguridade do mesmo, e que se van realizar nas vindeiras semanas grazas a unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industrial de 172.674 euros, cantidade á que hai que engadirlle a aportación do propio Concello.

 

O alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, acompañou ao delegado territorial, xunto ao primeiro tenente de alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, e os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular, Juan Rey e María José Carballo, quenes comprobaron que o investimento permitirá dotar ao polígono negreirés dun sistema de videovixilancia e dun aparcadoiro para vehículos pesados.

 

Esta actuación forma parte da orde de axudas a través da cal a Xunta investirá 395.000 euros para mellorar os parques empresariais da área de Santiago en catro concellos: Negreira; Melide; Ordes e Santa Comba. 

powered by social2s

xenero241018.jpgA presente convocatoria ten por obxecto a concesión dos premios do VIII Concurso de relatos curtos e cartaces gráficos ¨Loita contra a violencia de xénero¨, promovido dende o Concello de Negreira, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co fin de sensibilizar á veciñanza sobor desta lacra social. O prazo de presentación de traballos é o comprendido entre o 22 de outubro e mailo 22 de novembro.

 

No concurso poderán participar tódalas persoas menores de 18 anos, e os traballos presentados deberán entregarse no Centro de Información á Muller, nun sobre pechado, facendo constar un número de teléfono de contacto e en ningún caso de verá aparecer o nome da persoa participante. A identificación do autor/a levarase a cabo mediante o uso dun pseudónimo.

 

Entre tódolos traballos recibidos, un xurado independente seleccionará os gañadores de cada modalidade e concederá os seguintes premios:

 

-  Premio ó mellor relato curto: Vale agasallo por importe de 100 euros a utilizar nunha tenda de Negreira.

-  Premio ó mellor cartaz gráfico: Vale agasallo por importe de 100 euros a utilizar nunha tenda de Negreira.

 

Entrega de premios

 

Terá lugar o sábado día 24 de novembro ao remate da sétima andaina ¨Negreira camiña contra a violencia de xénero¨, no Centro Sociocultural. A organización contactará previamente cos premiados/as por teléfono para que asistan ó acto de entrega e recollan o seu agasallo persoalmente.

 

Pódense consultar as bases do concurso premando aquí:

 

powered by social2s

federico221018.jpgOnte domingo 21 de outubro, Manuel Federico Quintáns Otero, o zapateiro da Chancela, alcanzaba os 100 anos de vida, nunha xornada na que estivo acompañado dos seus cunha comida e onde non faltaron os parabéns de familiares e veciños por esta espléndida celebración.

 

Tamén o alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, achegábase ata o seu domicilio para entregarlle un ramo de flores e un agasallo en nome do Concello de Negreira, felicitándoo en persoa.

 

Federico, como lle coñecen, ten unha memoria prodixiosa, e lémbrase de moitas anécdotas de Negreira e das familias da contorna. O seu segredo é ler moito e comer ben, segundo él mesmo di, pois non fai dieta algunha, e nunca sufriu doenzas importantes, agás que foi operado nunha ocasión dunha hernia.

 

Comezou con apenas doce anos a aprender o oficio de zapateiro, e logo da Guerra Civil, onde loitou na Fronte de Asturias, decidiu instalarse pola súa conta na Chancela, casándose máis tarde e tendo unha filla que lle deu dous netos, e agora, dende este ano, tamén é bisavó dunha netiña chamada Ana.

powered by social2s

O Concello de Negreira pon a disposición da veciñanza un novo servizo como é o Punto de Información Catastral (PIC), despois da autorización por parte da Dirección Xeral do Catastro.

 

O Punto de Información Catastral é unha oficina onde os cidadáns poden acceder á información catastral como consultas e certificacións de datos non protexidos e, que en caso de  titulares catastrais ou os seus representantes debidamente autorizados,  poderán acceder a consultas de datos catastrais protexidos relativos aos inmobles da súa titularidade.

 

Coa posta en marcha deste novo servizo, totalmente gratuito, búscase dar unha mellor resposta ás necesidades dos veciños e veciñas de Negreira e que desta forma non se teñan que desplazar ata outros concellos para conseguir os seus certificados.

 

O horario do servizo será o mesmo que o das oficinas municipais, de 08:00 a 15:00 horas, de luns a venres.

powered by social2s

munoz_191018.jpgO cómico Juan Muñoz, o que fora célebre membro do popular dúo Cruz y Raya, xunto a José Mota, actúa esta noite no Ciclo de monólogos de Negreira para goce de quenes se acheguen ao Auditorio do Centro Sociocultural, a partir das 21:30 horas. As entradas teñen un prezo de doce euros.

 

Juan Muñoz, quen actualmente dirixe o teatro do hotel Gandía Palace, tamén segue en ruta co seu propio espectáculo, no que mestura humor e música con personaxes como Juan de Díos, ou o morito Juan.

 

Outra das súas facetas é a de actor de cine e especialista en dobraxes. De entre todos os personaxes de películas de animación, destaca por poñerlle voz ao ogro Shrek.

powered by social2s