A Casa do Concello de Negreira acolleu hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre a Fundación María Esperanza Rubido Romero, maila Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos Comarca de Barcala, coa participación do alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, en calidade de presidente do Padroado da Fundación de Discapacitados Psíquicos Comarca de Barcala; do alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, como vicepresidente, e María Jesús Forján Vieito, presidenta do Padroado da Fundación Mª Esperanza Rubido Romero, xunto con María Rosa Tuñas Hortas, directora da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos.
A Fundación María Esperanza Rubido Romero concede unha subvención anual de 10.000 euros para levar a cabo o Programa de mellora do benestar persoal e social, entre os usuarios/as da Fundación. Un programa que leva funcionando dende o pasado mes xuño ata o mes de decembro.
Dende a dirección da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos Comarca de Barcala, expresan o seu agradecemento á Fundación María Esperanza Rubido Romero, xa que dende o ano 2010 ven axudando coas súas aportacións para levar a cabo os programas de autonomía persoal e de mellora do benestar persoal e social.
Os obxectivos xerais do programa son:
Desenvolver as habilidades emocionais
Mellorar as relación interpersoais
Aumentar a autonomía persoal dos/as usuarios/as da Fundación
As áreas que se traballan no programa son:
Area de vida no fogar Area de educación emocional,
Área de vida na comunidade
Integración na comunidade
Área de formación laboral
A Rede de Dinamización Lingüística falaRedes, da Xunta de Galicia, achégase este primeiro domingo de decembro a nosa vila coa obra: Asubíos, da compañía Elefante Elegante. Esta montaxe vai dirixida ao público infantil, a partir das 13:00 horas no Auditorio do Centro Sociocultural.
Asubíos, é un alegato da compañía Elefante Elegante para unha vida respectuosa do ser humano coa terra que o acolle. Unha peza teatral dirixida a todos os públicos a partir de 3 anos e inspirada no universo literario do escritor mozambicano Mia Couto e no conto popular O flautista de Hamelín, recollido polos irmáns Grimm.
No espectáculo que a compañía do Elefante Elegante crea para a Rede de Dinamización Lingüística, a temática xira arredor do medio natural e de como vivir en harmonía con el. Trátase dun alegato para unha vida respectuosa do ser humano coa terra que o acolle.
Máis información sobre a obra Asubíos.
A directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, e mailo delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, fixeron entrega esta mañá en Negreira, dun camión cun brazo telescópico e cesta, para os traballos do servizo de mantemento de alumeados públicos dá Mancomunidade de Concellos do Tambre, asistindo os alcaldes de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño e, A Baña, Andrés García Cardeso, e mailo primeiro tenente de alcalde negreirés, Manuel Ángel Leis Míguez.
Grazas á achega económica da Xunta en 57.000 euros, a través do Fondo de Compensación Ambiental e na modalidade competitiva para concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades, permítelle á Mancomunidade do Tambre, incorporar un vehículo para garantir a seguridade dos operarios, así como para realizar outros traballos.
O Concello de Negreira informa que tódalas notificacións importantes e urxentes, entre os usuarios e as usuarias das escolas deportivas e mailas escolas culturais municipais, faránse dende agora a través da plataforma de avisos para dispositivos móbiles TokApp School.
Todo o relacionado con incidencias, suspensións de clases, avisos de competicións, ou calquer outro aviso do interese dos usuarios, nais e pais, farase a través de TokApp, unha aplicación totalmente gratuita que se descarga no teléfono móbil ou tableta, accedendo á tenda App Store, Google Play ou Windows Phone Store. Unha vez aberta a aplicación, debes seleccionar o teu país e validar o número de teléfono ou o enderezo electrónico que facilitaches ao Concello de Negreira. Acto seguido, deberás escribir o nome de usuario e introducir o contrasinal que queiras utilizar.
Para calquera dúbida ou consulta sobre TokApp, débese contactar con Sporte Técnico de TokApp School no número de teléfono: 917 372 501.
www.tokappschool.com
Arredor dunhas duascentas persoas, de tódalas idades, desafiaron á choiva o pasado sábado 24 de novembro para camiñar en Negreira como mostra de compromiso na loita contra a violencia de xénero, dentro da sétima Andaina que promove o Centro de Información ás Mulleres (C.I.M.).
Esta camiñada, que foi pioneira nas comarcas de Santiago e, que cumpre sete anos, estivo encabezada polo alcalde, Jorge Tuñas Caamaño e membros da Corporación Municipal como a concelleira de Educación e Servizos Sociais, María Jesús Veiga Hortas, e as concelleiras María José Carballo Villar, do Partido Popular, e María del Carmen Vieites, de Ciudadanos.
Unha vez rematada a andaina polos paseos fluviais ata regresar de novo á vila, entregáronse os premios do VIII Concurso ¨Loita contra a violencia de xénero¨, convocado por este motivo. No apartado de relatos curtos, a gañadora foi Alba Cuns Iglesias, polo seu traballo: Sen aviso. No apartado de cartaces gráficos, o premio foi para un grupo de nenos e nenas baixo o nome de: Xurelos e Sardiñas. En ambos casos, o premio consistiu nun vale agasallo de 100 € canxeable en tendas e comercios de Negreira.
Para rematar a xornada, repartiuse chocolate e rosca entre todos os participantes, trala lectura dun manifesto por parte da moza Alba Cuns Iglesias.
Páxina 155 de 260