O departamento municipal de Servizos Sociais comunica que ata o día 26 de febreiro, a veciñanza pode solicitar a participación no programa de fisioterapia e podoloxía, con atención gratuita nos domicilios dos beneficiarios, estando dirixido a persoas maiores dependentes ou con discapacidade (recoñecida pola Xunta), e con mobilidade reducida.

 

Máis información e solicitudes, no departamento municipal de Servizos Sociais. Teléfono de atención: 981 885 381. O comezo está previsto para o 8 de marzo.

 

Este programa de fisioterapia e podoloxía a domicilio para persoas maiores dependentes, ou con discapacidade, ou mobilidade reducida do noso concello, está subvencionado pola Deputación da Coruña e mailo Concello de Negreira.

powered by social2s

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, comunica a través dun Bando de Alcaldía, que se tomou a decisión de suspender temporalmente a feira dominical, ante a incidencia de casos producidos nos últimos 14 días pola Covid19 no noso concello, e trala xuntanza mantida coa Consellería de Sanidade, o pase a restricións de nivel MÁXIMO levou a suspendela.

 

Ademáis, lémbrase que seguen en vigor outras medidas adoptadas dende o pasado 17 de decembro de 2020:

- Suspensión de todas as actividades culturais e deportivas

- Suspendidas todas as escolas deportivas e culturais

- Seguen pechadas as instalacións deportivas

 

Solicitamos a toda a veciñanza que siga colaborando para facer fronte común ó virus, seguindo as recomendacións do Ministerio de Sanidade, da Consellería de Sanidade e do Concello de Negreira.

 

powered by social2s

O pasado 30 de setembro botaba a andar o Programa de emprego mocidade 2020, promovido polo Concello de Negreira en colaboración cos concellos da Baña, Santa Comba e Val do Dubra. Con 45 actuacións previstas nos catro concellos participantes e combinando cos módulos de formación teórica e práctica de ambos certificados de profesionalidade, as actuacións avanzan favorablemente.

 

Así, o equipo de Fábricas de albanelería rematou en Negreira as prácticas de formigón e tabicado no campo de fútbol Jesús García Calvo; un acceso para persoas discapacitadas no local social de Portor e a colocación de bancos e mesas de pedra nunha parcela tamén no lugar de Santa María de Portor. Durante este mes de xaneiro, están a traballar no baixo da cuberta do centro social e da terceira idade de San Vicenzo da Baña. Está previsto que a primeiros de febreiro actúen en Bembibre, coa ampliación da Biblioteca Municipal do Concello de Val do Dubra.

 

Colocación de mesas e bancos en Portor

 

Ao mesmo tempo, o equipo de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería xa renovou por completo o invernadoiro e os bancais con plantacións de inverno no terreo da rúa Tedelle da Baña, xunto con traballos de mantemento nas zonas verdes de San Vicenzo. Antes do Nadal, comezaron en Negreira coa limpeza e mantemento da zona axardinada da avenida de Santiago e destaca a importante renovación feita diante do Centro de Saúde e o Parque do Coto.

 

Renovación diante do Centro de Saúde

 

Esta especialidade tamén tivo a oportunidade de facer unha visita formativa ao Centro de Formación e Experimentación de Guísamo, onde se procuraba que acadasen un coñecemento maior da diferente maquinaria que se emprega en xardinería, e outra a un viveiro en Valga (Pontevedra). Durante este mes de xaneiro de 2021, continúan os traballos de poda e mantemento nos catro concellos xunto coa creación de viveiros para a obtención de planta de tempada que se utilizarán para os diferentes axardinamentos que figuran no proxecto.

 

Dende a dirección do Programa de emprego mocidade 2020 queren sinalar e agradecer que ambas especialidades están a contar co apoio, para o desempeño das súas tarefas, das brigadas dos concellos participantes, co servizo de mantemento de alumeados públicos da Mancomunidade de Concellos do Tambre e con Protección Civil.

 

 Arranxo invernadoiro na Baña

 

Neste primeiro trimestre, no proxecto impartiuse xa parte da formación complementaria que determina o Servizo Público de Emprego como foron as materias de alfabetización informática (30h), sensibilización ambiental (9h) e prevención de riscos laborais (60h). Tamén están a traballar, ata o mes de marzo, co módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes que se fai coincidir con días sinalados como foi o 25 de novembro (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller), a publicidade sexista en campañas de Nadal ou para conmemorar, o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. O alumnado traballador, durante todo o proceso formativo, recibe orientación, asesoramento, información profesional e formación empresarial.

 

O Programa de emprego mocidade 2020 está subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, cofinanciado polo pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil.

powered by social2s

A Xunta de Galicia estableceu, que con data do xoves 21 de xaneiro, que o noso concello pase a nivel de restrición máximo. Este novo cambio supón:

 

- Hostalería aberta ata as 18:00 horas, e só co 50% de aforo na terraza. Pódese server comida para levar ata as 21:30 horas e o servizo de reparto ata as 00:00 horas

- Agrupacións de máximo 4 persoas non conviventes

- Feche establecementos comerciais ás 21:30 horas

- Restrinxida a mobilidade nocturna de 22:00 a 6:00 horas

- O territorio municipal queda fechado perimetralmente estando prohibido saír sen causa xustificada (laboral, escolar, administrativa, sanitaria...).

- As limitacións entran en vigor ás 00:00 do día 21 de xaneiro

 

Podes consultar as medidas que afectan ao nivel de restrición máximo en: www.coronavirus.sergas.gal

 

Dende o Concello de Negreira lémbrase á cidadanía a importancia de seguir as recomendacións das autoridades sanitarias de cara a minimizar a interacción social, realizar só as actividades esenciais e ter moi presentes as medidas como o uso correcto da máscara ou o lavado frecuente de mans.

powered by social2s

DSC 0780

A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza programou para este domingo 17 de xaneiro, e a petición do Concello de Negreira, un cribado sanitario mediante probas PCR para un total de 775 persoas de sectores económicos coma comercio, hostalaría, talleres, e todo tipo de servizos, así como traballadores municipais.

 

O cribado levarase a cabo en horario de 9:00 a 20:30 horas, nas consultas de enfermeiría do Centro de Saúde (primeira planta), a través de dous equipos de enfermeiría desprazados a Negreira.

 

Todas as persoas anotadas previamente recibirán un SMS citándoas a unha hora concreta. Para unha mellor organización do dispositivo prégase á veciñanza que acuda á hora citada ou como máximo cinco minutos antes para evitar aglomeracións na entrada ás dependencias sanitarias.

 


Actualización de datos

Dende o Concello de Negreira queremos enviar unha mensaxe de ánimo e desexarlle unha pronta e boa recuperación, a aqueles veciños e veciñas que actualmente están diagnósticados coa enfermidade. Cómpre sinalar que a día de hoxe, venres 15 de xaneiro, son 26 os casos activos en Negreira, segundo informan as autoridades sanitarias. Na incidencia acumulada dos últimos 14 días, o Servizo Galego de Saúde (Sergas), informa hoxe de 28 contaxios detectados mediante Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA).

powered by social2s