Achegamos os datos conseguidos gracias ás estatísticas de solicitantes de información na caseta de turismo do concello.

 

Con esta información podemos averiguar non so cantas persoas pasaron pola caseta de información do concello de Negreira nos últimos catro meses, senón tamén de onde veñen, cantos anos teñen e cal é a súa motivación.

 

En abril o total de persoas foron 735, cun 54% procedentes do estado español, seguido en importancia por Portugal, Alemaña, Italia e Francia. En maio, atendéronse 1.045 persoas, cun 32% procedentes do conxunto de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal.

 

No mes de xuño pasaron pola caseta de información turística un total de 1.381 visitantes, cun 42% do conxunto de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal.

 

En xullo, a falta de tres días para que remate o mes, foron atendidas no punto de información 1.064 persoas, das que o 53% viñeron do territorio español, seguido de Italia, Francia, Alemaña e Irlanda.

 

Polo xeral, a meirande parte das persoas solicitan o selo da credencial e piden información sobre o Camiño e o aloxamento.

 

Os países emisores que máis presenza adoitan ter despois de España son Italia, Alemaña e Francia, mentres que as provincias con maior protagonismo son Madrid, Barcelona e a propia provincia da Coruña.

 

Arredor do 90% das persoas atendidas viñan a pé facendo o Camiño; o resto de visitantes repártense principalmente entre as que fan o Camiño en bicicleta e as persoas que viaxan en medios de transporte a motor.

powered by social2s

Os concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña organizan un programa de rutas de sendeirismo arredor do río Tambre, para mergullarse na natureza, a historia e as incontables paisaxes da contorna.
O 3 de agosto, sairemos da praza da feira para percorrer a Ruta dos tres Pazos, con 15,5 Km circulares, pasando polo paseo fluvial do río Barcala, o refuxio de Covas, a eterna Ponte Maceira e os tres grandes pazos que hai no concello: o do Cotón, o de Balandrón e o de Albariña, todos eles a pouca distancia do Tambre.

 

O 10 de agosto presentamos a Ruta do Remuíño, con 13 Km entre ida e volta; partimos do colexio de Portomouro (Val do Dubra), para subir río arriba pasando a ponte de Portomouro, a pequena aldea abandonada de As Novais e a súa vella capela, bosques autóctonos e a histórica fábrica do Remuíño, pioneira da nosa zona na transformación da enerxía hidráulica en electricidade a mediados do S. XX.

 

O 17 de agosto, xuntarémonos na área recreativa de Fiopáns (A Baña) para facer a Ruta da Ribeira do Tambre cos seus 11 Km entre ida e volta. Subindo o río ao deixarmos atrás o Portalaxe coas súas pontellas, percorreremos camiños de pescadores e de labregos, e deixarémonos levar por un inmenso bosque de galería con carballos centenarios e muíños que contribuíron a escribir a nosa historia.

 

As saídas serán ás 09:00 e cómpre inscribirse previamente na caseta de turismo da avenida de Santiago de Negreira, telf.: 650 796 956 (para calquera das tres rutas); no Concello de Val do Dubra, telf.: 981 889 000 (para a ruta do Remuíño); ou no Concello da Baña, telf.: 981 886 777 (para a ruta da Ribeira do Tambre).

powered by social2s

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, xunto coa concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, María del Mar García Vidal, participaron hoxe na clausura das actividades levadas a cabo durante o presente curso polo Voluntariado Social do Concello de Negreira, nun acto desenvolvido na Casa da Cultura, coa presenza dun bo número das mulleres participantes, así como as monitoras voluntarias e maila coordenadora do servizo, Laura Platas.

 

Durante a clausura houbo unha serie de agradecementos aos voluntarios que colaboran no mantemento do Roupeiro municipal, así como para aquelas persoas que colaboraron nas actividades realizadas para os usuarios e usuarias da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos Comarca de Barcala, entre elas, a de terapia con cabalos, ou a de habilidades da vida diaria.

 

En canto aos obradoiros clausurados hoxe, foron os de: Bordado; punto de cruz; encaixe de bolillos; costura e encaixe de horquilla. Anteriormente, xa foran clausurados os de manualidades e xoguetes de Nadal, así como o de macramé.

 

A partir do mes de outubro voltarán os distintos talleres da oferta anual do Voluntariado Social.

powered by social2s

Os Concellos de Negreira e Ames organizan esta iniciativa que terá lugar este sábado 20 de xullo, e que xurdeu como unha proposta conxunta para poner en valor este enclave natural e patrimonial, que une aos dous municipios que comparten protagonismo na Pontemaceira, a porta de entrada dos peregrinos e peregrinas que percorren o Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía.

 

Noites en vela 2019 comezará ás 22.30 horas co concerto de Davide Salvado e máis artistas convidados, a cuxo remate haberá o espectáculo pirotécnico, xusto despois da actuación musical e dende a emblemática ponte, sumándose aos actos programados para esa xornada pola Asociación de Veciños San Brais, que celebra a festividade do Carme cunha misa ás 13.00 horas, seguida dunha sesión vermú cos Gaiteiros de Rois, e un xantar de confraternidade baixo carpa.

 

Davide Salvado

Davide Salvado é un talentosos artista de música tradicional galega, e unha das principais voces de World Music de España. Actuou en World Music Expo 2014 en trío co acordeonista Santi Cribeiro e Cristian Silva, en pipas e percusión.

 

No 2015 publicou o seu novo disco “Lobos” composto por dez temas nos que mostraba o seu amor pola cultura e a tradición galega, unha terra que sempre leva no seu corazón. Neste disco quíxolle render unha homenaxe ao lobo, ao ser un animal típico das montañas galegas. Ten realizado xiras de concertos por toda a península, así como por Portugal e Finlandia.

powered by social2s