O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e mailo alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, asinaron esta mañá, o convenio polo que ambas as dúas administracións financiarán as obras de reurbanización e mellora da rúa Teresa Fabeiro Caamaño,  no centro urbán.

 

Os traballos suporán un investimento de 191.906,85 euros, dos que o 80% (153.525,88 €) serán achegados pola Deputación e servirán para evitar as inundacións que periodicamente se producen en sotos, garaxes e baixos comerciais e que afectan a outras rúas adxacentes (Rosalía de Castro, Rúa do Tambre, Rúa Castelao…), así como o retorno de augas fecais que afecta entre outras instalacións ao CEIP O Coto debido ao exceso de caudal e a aos continuos atascos que se producen na deficiente rede de saneamento actual.

 

As obras consistirán na construción dunha nova rede separativa de pluviais e fecais, que discorrerá ao longo de toda a rúa e que estará dimensionada para evitar a carga excesiva que colapsa a rede actual, facilitando un mellor rendemento da EDAR e beneficiando tanto aos veciños da zona coma as instalacións educativas da zona.

 

Os traballos inclúen tamén a reurbanización posterior da zona, o reasfaltado da rúa e pintado das marcas viais, pasos de peóns e demáis sinalética.

 

powered by social2s