queimas020718.jpgA campaña de alto risco de incendios forestais en Galicia comezou este domingo 1 de xullo, e por primeira vez estenderase ata o 31 de outubro. Isto conleva a suspensión sistemática dos permisos de queimas agrícolas e forestais no monte, se ben é certo que esta prohibición poderíase levantar no mes de outubro se as condicións meteorolóxicas o permitisen.

 

A decisión de estender a tempada de alto risco decidiuse despois de que nos últimos anos as condicións meteorolóxicas en outono fosen favorables para a propagación de lumes. Lembramos que o operativo está xa dispoñible e a pleno rendemento, incrementando tamén a prestación do servizo dos fixos-descontinuos da Xunta e as brigadas de Seaga e Tragsa, que pasarán de 3 a 4 meses ata o 31 de outubro.

 

A Consellería do Medio Rural pide o máximo compromiso contra os incendios forestais na loita contra a actividade delituosa incendiaria, denunciando estas accións cando teña coñecemento delas, e lembra que está a disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar un incendio forestal.

 

Asemesmo, inciden en que as persoas que se acheguen ao monte nestas datas extremen as precaucións e eviten calquera práctica que implique risco de lume.

0
0
0
s2sdefault