O Centro de Información ás Mulleres (CIM), lanza a campaña baixo o lema: “Seguimos aquí, por ti”, co obxectivo de informar á veciñanza de que os seus servizos seguen activos, máis ca nunca, nesta difícil situación xerada polo COVID-19, ofrecendo á cidadanía a súa atención psicolóxica e xurídica con normalidade a través de vías telefónica e telemática. Lembran que a atención psicolóxica tamén está dirixida neste caso a aquelas persoas que vivan soas ou que precisen apoio psicolóxico para sobrelevar o confinamento.

 

Ao longo do período de confinamento, este servizo municipal empregará a súa páxina de Facebook para dar consellos sobre como adultos e rapazada debemos enfrontar a situación de confinamento na que nos atopamos coidando do noso benestar emocional. Desde o departamento de psicoloxía insisten en accións chave como manter os hábitos fisiolóxicos; realizar o teletraballo nunha habitación separada; conversar cos e coas acompañantes de confinamento (no caso de habelos); informarse da situación a través de fontes fiables e limitar a consulta de novas; no caso de estar acompañados reservar algún tempo para un mesmo; facer exercicio; poñerse pequenos obxectivos diarios; enfocarse no que un pode facer no confinamento; e, sobre todo, lembrar que a situación ten un principio e un fin.

 

En canto aos máis pequenos da casa, desde o CIM recoméndase que as persoas adultas compartan os momentos de estudo que poidan con eles, que escoiten e validen os seus sentimentos (facéndolles ver que é normal sentir medo, angustia, etc.) e enfrentarse aos enfados con tranquilidade e desde o diálogo, evitando o castigo.

 

As persoas que precisen da axuda poderán contactar a través dos números de teléfono: 662 37 04 48 e 981 88 63 20 e do enderezo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

powered by social2s