O flamante gañador do Goya ao mellor actor de reparto 2019 polo seu papel na película ´El Reino´, será o pregoeiro das soadas festas do Entroido de Negreira, previo ao concurso de carrozas e comparsas, a tarde do sábado 2 de marzo, cando se repartirán 5.000 euros en premios. O cartaz, por segundo ano, leva a sinatura do recoñecido humorista gráfico Luis Davila.

 

Luís Zahera era dun dos rostros do audiovisual galaico que non pregoara o entroido barcalés polo que pasaron actores como Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán, Marcos Pereiro, Federico Pérez, Ernesto Chao, Pepo Suevos, ou Víctor Fábregas, entre outros. O pregón chegará a partir das seis da tarde, o sábado.

 

A programación foi presentada hoxe polo alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, o técnico de Cultura, Marcos Pérez e Mónica Rodríguez, alumna do Obradoiro de Turismo. O mandatario municipal subraiu o «importante» esforzo de investimento que fai o Concello «para que o Entroido de Negreira continúe co nivel que ten, sendo un dos mellores que hai na zona de Santiago e na provincia, tanto en participación como en premios, e mesmo no pregoeiro que temos este ano, que case é o máximo que se podía ter, nun esforzo que busca a participación da xente e o disfrute», sinalou Jorge Tuñas Caamaño.

 

Programación

As actividades arrincan o venres día 1 de marzo ao mediodía co desfile dos nenos e nenas da Escola Infantil. Pola noite, a partir das nove, teremos a primeira concentración de charangas coa participación de: Tíralle do aire; Os Jaitas Blues e Os Celtas «que van facer pasacalles e finalmente xuntaranse na praza do Concello, sobre as once da noite as tres xuntas», sendo unha das novidades, tal e como destacou Marcos Pérez.

 

O gran desfile de comparsas é o prato forte, na tarde do sábado. Comezará ás cinco da tarde no campo dá feira e dará un colorido especial ás rúas da vila ata concluír na Casa do Concello. Haberá premios de 1.000, 600, 300 e 150 euros, para os catro primeiros en comparsas e carrozas, respeitivamente, así como dous áccesits de cen euros. Os grupos: 250; 150 e 100, e os individuais: 150; 100 e 50 euros. O grupo Ciclón amenizará a verbena na praza do Concello.

 

Bailes de adultos e infantil

O domingo a partir das sete haberá baile de disfraces para os maiores no Centro Sociocultural, con música en directo e premios ás mellores caracterizaciones. E o luns, é a quenda para os máis pequenos no concurso de disfraces desde as cinco no Centro Sociocultural.

 

Concurso de receitas

E en colaboración co Obradoiro de Turismo e Radio Negreira, convócase un concurso de receitas, cuxo fallo coñecerase o venres día 15 de marzo, nun acto a celebrarse no Centro Sociocultural, a partir das 12 da mañá. «As receitas terán que ser típicas do Entroido, e deberán presentarse escritas en lingua galega e deberase presentar o prato elaborado» sinalou Mónica Rodríguez, alumna do Obradoiro de Turismo. A data límite para presentar as receitas na Casa da Cultura, será o martes 12 de marzo.

 

Os premios para os gañadores serán: Unha cesta de produtos típicos e cea para dúas persoas, para o gañador/a, e un libro de cociña, para o finalista.

powered by social2s