O Concello de Negreira, xunto co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, alertan de que cada vez é máis habitual a presenza da vespa asiática velutina nos nosos montes e que hai que telo en conta á hora da planificación dos traballos forestais.

Recomendan, antes de comezar os traballos, realizar un recoñecemento exhaustivo da parcela e comprobar que non existen niños de velutina na zona. No caso de que si que houbera algún, aconsellan non achegarse a menos de 5 metros del e chamar ao 012 antes de intentar atacalo ou cortalo.

Se se produxera algún ataque, é importante fuxir o antes posible, buscar un refuxio e intentar evitar que as velutinas ataquen nas zonas máis sensibles da cara como pode ser a zona dos ollos ou o pescozo. Recordan que ás velutinas atráenas os movementos bruscos, por iso non se deben axitar os brazos para espantalas. Ademais, as vespas asiáticas esmagadas emiten un cheiro que capta a máis velutinas.

Por outra banda, se se presencia un ataque, non hai que achegarse para intentar axudar a vítima. O que se debe facer é chamar ao número de emerxencias, 112, onde te informarán de como se debe actuar e avisarán aos medios necesarios para que se trasladen ao lugar correspondente de ser preciso.

 

0
0
0
s2sdefault