Debido á gran propagación da pandemia da Covid-19, este ano non están permitidas as cacharelas de San Xoán en terreos públicos. Únicamente serán autorizadas en terreos privados, polo que as persoas interesadas en realizar unha fogueira en terreo privado, deberán presentar a solicitude con data limíte do día 22 de xuño, ás 13 horas, por algunha das seguintes vías:

 

- Rexistro telemático, a través da Sede Electrónica do Concello

 

https://sede.concellodenegreira.es/opencms/gl/

 

- No Rexistro Xeral do Concello, con cita previa nos números de teléfono: 881 035 143 ou 981 885 250

 

O número máximo de persoas que se poidan reunir en grupo axustarase ao disposto na normativa vixente o día 23 de xuño de 2020 reguladora da situación de emerxencia sanitaria, así como das demais recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias.

 

A separación entre as cacharelas e os edificios, terreos forestais, árbores e demais obxectos que poidan resultar danados será coma mínimo de 20 metros. Poñerase especial coidado de non situalas debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables nin vehículos.

 

Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites e en xeral calquera substancia que ao areder desprenda fume tóxico.

 

En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprais), aínda que estean baleiros.

 

Sobre terreos con vexetación herbacea, previo ó inicio do lume, farase unha devesa do material combustible nunha franxa de polo menos 9 metros de ancho, rodeando o perímetro.

 

A fogueira permanecerá viciada polas persoas responsables ata a súa extinción, que deberá ser asegurada empapando os restos con auga, e asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante o vento, e poida dificultarse a vixilancia e extinción da fogueira, esta deberá suspenderse.

 

powered by social2s