Os concellos de Negreira e Val do Dubra veñen de asinar un convenio de colaboración para compartir os servizos que ofrece a Unidade de Atención Temperá, financiada pola Xunta de Galicia, e que polo tanto supón un aforro en gasto para os dous concellos. Este convenio permanecerá activo até o vindeiro 31 de outubro.

 

No acto de sinatura participaron os respectivos alcaldes, Manuel Ángel Leis Míguez e José Manuel Varela Ferreiro, así como as concelleiras de Servizos Sociais, María del Mar García e Rosa Parafita Romero, respectivamente.

 

 

Trátase dunha boa nova para os dous municipios xa que esta unidade facilita aos nenos e nenas de 0 a 6 anos, e as súas familias, unha actuación transversal para o seu progreso continuado, flexible e contextualizado. Está integrada por: pedagogos, psicólogos; logopedas; fisioterapeutas ou terapeutas ocupacionais, a través dun traballo de diagnose e valoración dos trastornos de desenvolvemento dos nenos/as para a mellora psicomotora, cognitiva e de comunicación.

 

No caso de Negreira, a súa actividade desenvolvese nas instalacións municipais da rúa de Castelao. Os luns, martes e mércores, de 9:00 a 14:00 horas; e os martes e mércores, de 15:00 a 18:00 horas.

 

powered by social2s