feiraco221118.jpgO Concello de Negreira promove un acto de recoñecemento á Cooperativa Feiraco, con motivo do seu 50 aniversario, e por toda a súa traxectoria e a súa contribución á veciñanza de Negreira, o cal terá lugar o venres día 30 de novembro, co seguinte programa de actos:

 

-         Ás 20:30 horas.- Descuberta da figura conmemorativa nos xardíns da avenida de Santiago (fronte a Casa Barqueiro).

-         Ás 21:00 horas.- Acto conmemorativo no Auditorio do Centro Sociocultural.

 

O Concello de Negreira convida a toda a veciñanza a asistir a este acto de recoñecemento á Cooperativa Feiraco, que deu os seus primeiros pasos un 20 de outubro de 1968 no antigo Casino de Negreira, con arredor de medio cento de persoas que nomearon ao finado, Jesús García Calvo, xurista, rexistrador da Propiedade e intelectual agrarista, como primeiro presidente, e sendo primeiro secretario, Maximino Viaño.

 

A constitución definitiva de Feiraco como cooperativa non chegaría ata o ano seguinte. Concretamente, o día 6 de xuño de 1969 nunha asemblea celebrada no cine Gran Vía, con aforo suficiente para acoller aos 407 socios fundadores. Unha década despois, a cifra superaba os sete mil socios e a facturación do exercicio económico do ano 1977 alcanzou os 1.164 millóns de pesetas. Despois virían a fábrica de pensos, na Pontemaceira, xa no concello de Ames, mediante un crédito de 12 millóns de pesetas avalado co patrimonio de Jesús García Calvo e Maximino Viaño e, maila posterior industrialización do proceso do leite para o seu envasado e posta á venda no mercado.

 

powered by social2s