senda220218.jpgO pleno da Deputación da Coruña aprobará este venres 23 de febreiro, un proxecto de 893.378 euros para a construción de 5,1 novos quilómetros de sendas peonís na estrada DP 5603 de Negreira ó Marco do Cornado, por onde transcorre o Camiño de Fisterra-Muxía. As obras van encamiñadas a facer máis cómodo e seguro para os peregrinos un itinerario Xacobeo cada vez máis transitado.

 

O proxecto suporá a construción de catro novos treitos de sendas peonís de dous metros de ancho ao longo da estrada provincial DP 5603 de Negreira a Marco do Cornado. Concretamente, entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, na recta de Zas; do 7+300 ao 8+820, na saída da parroquia da Pena; do 8+750 ao 10+770, antes de chegar ao núcleo de Vilaserío, e por último, do 11+110 ao 12+900, despois de Vilaserío. Trátase de catro zonas moi perigosas polas que na actualidade non existe paso habilitado para peóns.

 

O pavemento desta senda realizarase en zahorra artificial estabilizada con cemento, o que proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias.

 

Esta senda, súmase ás xa executadas pola Deputación da Coruña na prolongación Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago ao seu paso polos concellos de  Dumbría, Muxía e Santa Comba, nas marxes das estradas provinciais DP 3404 (dous treitos con 650 metros de lonxitude e un investimento de 261.066,33 euros), e DP 5604 e 5201 (dous treitos dun quilómetro de lonxitude e un investimento de 207.088 euros).

0
0
0
s2sdefault