ardeiro29072020

O poeta noiés Manuel López Rodríguez, gañador do VIII Certame de Poesía "Xosé M. López Ardeiro", recollía o pasado luns no Auditorio da Casa da Cultura de Negreira os 300 exemplares que formaban parte do premio do certame do que resultou gañador co poemario "Desde onde non nace".

 

O acto tivo lugar coa presencia do propio gañador e mailo alcalde Manuel Ángel Leis Míguez así como o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, cuxo departamento colabora coa organización do certame de poesía na súa promoción e coa edición do poemario.

 

O acto foi conducido por Xosé Antonio Ponte Far, membro do xurado, quen tamén fixo a presentación do “IX Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro” que ao igual que en anteriores edicións, será publicado por parte da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, facéndolle entrega dun lote de exemplares ao autor ou autora, ademais dun premio en metálico de 700 euros. Haberá tamén un segundo premio que constará de 300 euros.

 

Os traballos, escritos en lingua galega, deberán ser orixinais e inéditos e cunha extensión mínima de 350 versos e máxima de 700. Cada persoa poderá participar cunha única obra, e para iso deberá presentar unha copia impresa e outra dixital na Delegación de Cultura e Deportes do Concello de Negreira.

 

O prazo para participar xa está aberto e esténdese até o 7 de decembro de 2020. A entrega de premios será o día 18 dese mesmo mes, coincidindo co 13º aniversario do pasamento do poeta de Logrosa, Xosé Manuel López Ardeiro.

 

Cartel IX Certame de Poesia X. Manuel Lopez Ardeiro

Triptico exterior IX Certame de Poesia X. Manuel Lopez Ardeiro

Triptico interior IX Certame de Poesia X. Manuel Lopez Ardeiro

powered by social2s