compartimos_plan.jpg

A área de Igualdade da Deputacion da Coruña anima cun vídeo a concellos e entidades a participar no proxecto “Compartimos Plan”. Ferrol, Ribeira, Betanzos e Negreira inauguran este mes as presentacións para a elaboración do diagnóstico de igualdade.

 

Un vídeo coa participación de persoas de distintos concellos da Coruña anima a tomar parte nas presentacións do proxecto “Compartimos Plan”, promovido pola área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña.

 

“Que é para ti a igualdade?” é a pregunta que inicia o vídeo co que a área de Igualdade da Deputación anima a concellos e entidades a participar no programa “Compartimos plan” que ao longo destes dous meses se presentará nas dezaoito comarcas da Coruña.

 

 

O Centro Sociocultural de Negreira acollerá a presentación o vindeiro martes día 28 de novembro. Xa no mes de decembro, a equipa de Compartimos Plan continuará o ciclo de presentacións participativas o día 1 en Padrón, o 11 en Arzúa e Melide, o 12 en Ordes, o 13 na Coruña e o día 14 en As Pontes e Ortigueira.

 

No propio vídeo a responsábel da área, Ánxela Franco, reivindica o compromiso das administracións na construción da igualdade e que as mulleres “non sexan tratadas como gastos”. Franco demanda investimentos públicos na loita das mulleres para acadar un futuro máis xusto e igualitario. 

 

Co plan preténdese identificar as necesidades en materia de igualdade de xénero presentes na sociedade, ao fin de deseñar novas actuación dirixidas a superar os desequilibrios existentes por razón de xénero. Ademais do persoal da Deputación, o proxecto busca implicar o persoal técnico dos 93 concellos así como o tecido asociativo e demais axentes chave con interese no proceso, e todas as asociacións e colectivos que traballan a favor da igualdade.

 

Despois deste programa de carácter informativo, iniciarase a segunda fase de diagnose, que abranguera a detección de necesidades en materia de igualdade de xénero a nivel local e provincial, así como a compilación dos diferentes programas, servizos e recursos existentes xa, na provincia. 

powered by social2s