Trátase dun espectáculo con pompas de xabón para todos os públicos. Unha fantástica experiencia visual para participar toda a familia, este xoves día 3 de xaneiro, no Auditorio do Centro Sociocultural, a partir das 18:00 horas, dentro da programación de Nadal, e a cargo da compañía Malasombra producións dirixida polo actor Xoque Carbajal, a quen acompaña Jouse García.

O autor alicantino Luís Beviá, que percorreu medio mundo co seu universo xabonoso (Londres, Hong-Kong, México, Colombia, Perú, Cuba, Grecia ou Islandia, entre outros), dirixe a parte técnica deste espectáculo.

Dous operarios da limpeza do teatro, descobren por casualidade, as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A partir de aí, os personaxes emprenderán unha excitante viaxe conducidos polas fantásticas pompas e burbullas.

O público sorprenderase e gozará con estas máxicas burbullas; pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. O espectador camiñará da man destes dous personaxes por un mundo máxico, cheo de cor e de moito, moito humor, e verase sorprendido dentro dun patio de butacas repreto de milleiros de pompas de xabón.

0
0
0
s2sdefault