Os traballos executados polo Concello de Negreira supuxeron un investimento de 192.000 euros para a construción dunha nova rede separativa de pluviais e saneamento e a reurbanización desta céntrica rúa, dentro do Plan de Humanización das principais rúas da vila, grazas á aportación con fondos do Plan Único da Deputación da Coruña. O seu presidente, Valentín González Formoso e mailo alcalde, Manuel Ángel Leis, supervisaron as obras completadas nas avenidas das Brañas e Barcala

 

Os traballos en Teresa Fabeiro, recentemente rematados, supuxeron un investimento de 191.906 euros, dos que o 80% (153.525 €) foron achegados pola Deputación e “servirán para evitar as inundacións que se producían cada inverno en sotos, garaxes e baixos comerciais e que afectaban a outras rúas adxacentes coma a rúa Rosalía de Castro ou a rúa de Castelao, así como para eliminar o retorno de augas fecais que afectaba ao CEIP O Coto debido ao exceso de caudal e a aos continuos atascos que se producían na anterior rede de saneamento”, segundo explicou o rexedor, quen agradeceu ao presidente que atendera esta antiga demanda da veciñanza.

 

 

As obras consistiron na construción dunha nova rede separativa de pluviais, que discorre ao longo de toda a rúa polas dúas marxes e que está dimensionada para evitar a carga excesiva que colapsaba a antiga rede, sobre todo das escorrentías da praza das Brañas, facilitando un mellor rendemento da depuradora e beneficiando tanto aos veciños da zona coma as instalacións educativas. Os traballos incluiron tamén a reurbanización da zona, o reasfaltado da rúa e o pintado das marcas viais, pasos de peóns e demáis sinalética.

 

Melloras na vila e no rural

Valentín González e Manuel Ángel Leis visitaron tamén os traballos que pavimentación que acaban de rematar nas avenidas das Brañas e da Barcala, que supuxeron un investimento de 187.741, 51 euros financiados con cargo ao Plan Único (POS+2019). As obras permitiron renovar o firme destas céntricas rúas cunha capa de aglomerado en quente de 6 cm de espesor e rego de adherencia, o que mellora notablemente a seguridade do tráfico.

 

O alcalde de Negreira anunciou ademáis que a vindeira semana empezarán tamén as obra de pavimentación da avenida de Santiago, cun investimento de 150.000 euros incluido no POS+2020 e un prazo de execución dun mes. González Formoso destacou “a importante contribución que o Plan Único supón para mellorar os servizos e infraestruturas municipais”.

 

 

powered by social2s