Muro de pedra no Busto1

Superadas con éxito as dificultades que supoñen os inicios dos proxectos, ambas as especialidades do Programa de emprego Mocidade 2020 van desenvolvendo as actuacións previstas favorablemente con avances importantes nos catro concellos involucrados.
Durante o mes de xaneiro de 2021, a especialidade de Fábricas de albanelería rematou as obras do baixo da cuberta do Centro Social e da Terceira Idade de San Vicenzo, na Baña, consistente no revestido á man de 150 m2 con morteiro branco e 20 m2 de piso nivelado e fratasado. En febreiro actuou en Bembibre, coa ampliación da Biblioteca municipal de Val do Dubra, onde se fixo unha demolición de tabiques e un novo tabicado e revestido, reparouse o falso teito e o rodapé e colocáronse novas plaquetas e tapaxuntas.

 

Xa nos meses de marzo e abril, correspondeulle a Santa Comba con dúas actuacións no Busto. Por un lado, fixeron un muro de bloques na escola infantil de 30m de longo e unha media de 0,70m de altura xunto coa colocación de postes e malla, o que lle proporciona maior seguridade para os nenos e nenas. Por outro, na área recreativa do Busto construíron un muro de pedra a dúas caras vistas de 25m de longo, 0,50m de ancho e unha media de 1m de alto coa correspondente colocación dos postes e malla electrosoldada para peches, que ofrece melloras nun espazo natural, integrado no ambiente para o ocio e lecer da veciñanza.

FOTO 1


Con estas actuacións o alumnado traballador de Fábricas de albanelería puxo en práctica unha parte importante das unidades de competencia que configuran o certificado de profesionalidade, como son: Elaborar pastas, morteiros, adhesivos e formigóns; Construír fábricas para revestir e Construír fábricas vistas. Así, xa son quen de organizar e realizar obras de fábrica de albanelería de ladrillo, bloque e pedra (muros resistentes, cerramentos e particións), seguindo as directrices especificadas na documentación técnica e as prescricións establecidas en materia de seguridade e calidade. O grupo, formado por 4 mozos e 4 mozas de menos de 30 anos, vaise especializando na elaboración de morteiros e pastas de xeso, cemento e cal, tanto con medios manuais como mecánicos, para executar os traballos de albanelería e revestimento. Do mesmo xeito, elabora formigóns tanto con medios manuais como mecánicos para executar obras de construción, seguindo a composición e dosificación fixada e opera correctamente cos materiais e cos equipos de traballo (máquinas, ferramentas, útiles e equipos de protección individual) necesarios para lograr o rendemento e calidade requiridos.


A especialidade de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería segue a aumentar a produción de planta e flor no invernadoiro, xunto co xardín comestible nos bancais da Baña, que actúa como base ou sede do viveiro principal para os catro concellos participantes. Nos primeiros meses do ano, rotou por todos eles e encargouse principalmente de labores de poda, poda en altura e de acondicionar os peches vexetais e rozas dos lugares que así o esixían.


Un labor importante desta especialidade foi a plantación de máis de 100 árbores froiteiras en diferentes zonas, para converter os espazos públicos en lugares vivos e ricos, que non só conten con especies ornamentais senón tamén con alimentos saudables e accesibles para toda a poboación. Dotáronse con estas plantacións de froiteiras, moitas delas autóctonas, aos catro concellos; en Negreira, no Parque do Coto, en Pedra Mámoa, na avenida das Brañas e en Portor; na Baña, nas áreas recreativas de Chans, na da Chousa (en Lañas) e na de Fiopáns, xunto co propio terreo base da rúa Tedelle; en Santa Comba, na zona do Museo Casa do Pozo e na piscina municipal descuberta; e en Val do Dubra, na área recreativa de Bembibre.

FOTO 2

A parte que pon a nota de cor no seu traballo, despois do éxito da actuación feita diante do Centro de Saúde, pode verse na modificación substancial na entrada de Negreira pola avenida de Santiago, que lle outorga unha nova imaxe. Ao igual que pode verse o importante traballo feito polo grupo no concello de Santa Comba, tanto diante da casa consistorial con parterres renovados con deseños do propio alumnado traballador, como no multiúsos cunha rocalla feita a partir de material reciclado en gran parte ou nas rotondas das inmediacións da casa da cultura e da policía local, en fase de renovación durante esta tempada.


No Programa de emprego Mocidade 2020 contamos coa colaboración doutros axentes para complementar os contidos teóricos e prácticos de ambas as especialidades. Así, no mes de febreiro, un técnico da Oficina Comarcal Agraria de Negreira acode ao noso centro para explicarlle ao equipo de AGAO0108 cales son as liñas de actuación e falarlle das axudas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria que existen. Tamén se achegou persoal do Servizo de Orientación Laboral e do CIM de Negreira para darlles outra visión da formación complementaria para a busca de emprego ou en materia de igualdade de oportunidades.


Ambos os grupos realizaron visitas formativas; como exemplos, no viveiro O Forno de Valga (Pontevedra) explicáronlles os sistemas de rega, características e utilización xunto cos tipos de substratos empregados para facer sementeiros e técnicas de cultivo; no viveiro O Pomariño na Capela (A Coruña) puideron descubrir as variedades de froiteiras autóctonas, coidados, podas etc.

 


Formación

No mes de abril, a especialidade de AGAO0108, a docente e a directora fan tamén unha visita formativa ao Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón) coa que se complementaron os contidos tanto teóricos como prácticos do certificado de profesionalidade en materia de carné de aplicación de fitosanitarios grazas a un dos seus docentes que lles explicou métodos de control fitosanitario, produtos, medidas preventivas e de protección, maquinaria específica de tratamentos, aplicación e doses así como boas prácticas ambientais no seu uso.


A especialidade de Fábricas de albanelería, xunto co docente e a directora visitaron en Santiago de Compostela os exteriores da zona de Santa Isabel, o tramo recuperado do río Sar na contorna do hospital provincial coñecido como o Banquete de Conxo, os arredores da Cidade da Cultura e o Monte Viso, para ver finalizados muros de dúas caras, muros de pedra, mampostos, empedrados en tipo chapacuña tanto en edificación civil como en pública, para complementar o certificado de profesionalidade.
De novo, dende a dirección do Programa de emprego Mocidade 2020 queren agradecer o importante apoio que reciben das brigadas dos concellos participantes, do servizo de mantemento de iluminación pública da Mancomunidade de Concellos do Tambre e de Protección Civil, pois sempre están para botar unha man.


O Programa de emprego Mocidade 2020 está subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

 

GALERÍA DE IMAXES

 Ampliacion da biblioteca municipal. Val do Dubra2 1Avda de Santiago. Evolucion Avda de Santiago. FinalBaixo cuberta do centro social e da terceira idade da BanaBaixo cuberta do centro social e da terceira idade da Bana2Bancais co xardin comestible da BanaMuro de pedra no Busto1Muro de pedra no Busto2Muro na escola do Busto1 1Plantacion de froiteirasPoda en altura na area recreativa da ChousaPraza do Concello de Santa CombaPraza do Concello de Santa Comba. FinalRocalla no multiusos Santa CombaSementeiros no invernadoiro

 

 

powered by social2s