redecultura160218.jpgOs concellos da provincia da Coruña teñen até o martes 20 de febreiro para facer a súa solicitude dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Nesta nova edición, o circuíto ofrece 1.359 espectáculos nas súas catro liñas, nun programa que está dotado con máis de dous millóns de euros.

 

 “Escena ao vivo!”, a categoría profesional de artes escénicas e musicais, é o programa que máis espectáculos inclúe no catálogo da Rede Cultural dirixida á programación nos concellos. Máis da metade das 1.359 propostas que completan a oferta cultural deste ano pertencen a este apartado que inclúe un total de 825 espectáculos dos que 388 corresponden a teatro e monicreques, 377 á música, e 60 a danza.

 

Un total de 118 son as películas que compoñen a oferta do programa “Visións!” destinado a promoción de cinema e contidos audiovisuais, unha nova aposta que ten, entre outros obxectivos, buscar espazos de distribución para as producións galegas con filmes como Sicixia, Mimosas, ou Costa da Morte.

 

Ás categorías xa existentes súmase nesta nova convocatoria o programa “Lingua á escena” de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega para concellos que inclúe nesta primeira edición trece espectáculos.

 

Finalmente, o apartado non profesional, “Alicerce”, destinado á programación en concellos e entidades de compañías amadoras de música, danza e teatro ofrece un total de 403 espectáculos.

 

O orzamento deste ano dos programas “Escena ao Vivo!”, “Visións” e “Alicerce” ascende a 1.860.000 € aos que compre sumar 200.000 que a Deputación destina ao novo programa “Lingua a escena!”.

 

O pasado ano, a Rede Cultural da Deputación da Coruña levou un total de 1.170 actuacións aos concellos e moveu arredor de tres millóns de euros no sector. A Deputación achega o 75% do orzamento das contratacións artísticas para concellos de menos de 5.000 habitantes, un 60% para os que están entre os 5.000 e os 10.000, dun 50% aos que están entre 10 e 20 000, dun 40% aos que están entre 20 e 50 000 e dun 30% aos de máis de 50 000.

0
0
0
s2sdefault