igualdade_web_300419.jpgO Concello de Negreira levou a cabo, no marco do seu novo Plan de Igualdade, cinco sesións formativas sobre igualdade de xénero ás que asistiron 107 traballadores e traballadores. Estas charlas pretendían concienciar aos e ás asistentes sobre os estereotipos e os condicionantes de xénero que imperan na sociedade e aos que a mulleres teñen que enfrontarse.

 

A estas formacións, celebradas no Centro Sociocultural, acudiron traballadores das oficinas municipais (15), de obras (12), e doutros departamentos, como persoal da radio, de limpeza, de escolas infantís, de axuda a domicilio, da escola de música, de conserxería, do obradoiro de emprego, Policía Local e voluntariado.

 

A participación foi maioritariamente feminina (57%). Os traballadores e traballadoras que se achegaron puideron coñecer máis sobre os principios de igualdade entre home e muller, así como concienciarse sobre a situación de desigualdade e de discriminación de xénero na que se atopa a sociedade actual.

 

“Desde o Concello poñemos en marcha este tipo de iniciativas co obxectivo de que as prácticas profesionais ofrezan as mesmas oportunidades e dereitos ás mulleres, que a diario teñen que verse sometidas a situacións de discriminación polo simple feito de ser mulleres”, segundo explicou o alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño. “Para min é unha prioridade loitar contra estes estereotipos sociais para mudalos dunha vez e conseguir unha sociedade xusta para todas e todos”, recalcou.

 

O Concello pretende continuar con este tipo de accións, organizando obradoiros e charlas tamén noutros ámbitos, como pode ser o escolar.

powered by social2s