A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, na súa Sección de Negreira, no IES Xulián Magariños, informa da apertura do prazo de matrícula a partir do día 24 de outubro. A inscrición débese facer en liña, na ligazón: www.eoidigital.com/preinsxunta e, estará aberta entre os días 24 e 28 deste mes.

 

A oferta educativa inclúe os seguintes cursos: Básico A1 e A2; Intermedio B1, B2.1 e B2.2, así como Avanzado C1.1 e C1.2. Máis información na web: www.eoisantiago.org, ou no número de teléfono do instituto Xulián Magariños: 881 867 126.

powered by social2s

Reservas

A Axencia de Doazón de órganos e Sangue de Galicia (ADOS), informa que este luns 19 de outubro, unha das súas unidades móbiles se vai desprazar ata Negreira. Permanecerá estacionada diante do Centro de Saúde, na rúa de Castelao, en horario de 9:30 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas.

 

ADOS fai un chamamento á cidadanía a doar sangue e, moi especialmente, aos doantes dos grupos sanguíneos: 0 positivo; A positivo e B positivo. As reservas destes grupos presentan niveis baixos, polo que resulta preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón de sangue.


Cita previa
Para doar sangue podes pedir cita previa no 900 100 828 de cara a facelo de xeito organizado.


#súmateaonosoequipo

powered by social2s

coro

O Concello informa de que o número de casos activos de Covid19 en Negreira é a día de hoxe, e segundo datos aportados polas autoridades sanitarias, de 7 casos, detectados a través das probas PCR que Sanidade está a facer entre a poboación. E aínda sendo moi positiva a evolución á baixa nas últimas semanas, lémbrase á veciñanza a importancia de manter as medidas de protección como evitar o contacto masivo e mailo uso de máscara en todos os ámbitos, con especial chamamento nas xuntanzas de amizades e familiares.


Lémbrase que dende hoxe as reunións de ocio familiares e de amizades están limitadas a un máximo de dez persoas, tanto no ámbito privado coma público, sempre e cando non sexan persoas conviventes.


Cómpre lembrar que entre todos e todas debemos apelar á responsabilidade individual para conter o avance do novo virus e así, evitar a súa propagación entre a cidadanía.

powered by social2s

Principal

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, acompañados dos deputados José Manuel Pequeño e Blas García e de técnicos do servizo de Vías e Obras, visitaron hoxe o noso concello, onde comprobaron a execución das obras das sendas peonís que discorren pola ruta xacobea do Camiño de Fisterra-Muxía.

 

En Negreira, a Deputación está executando un importante proxecto, cun investimento superior aos 800.000 euros, para a construción de catro novos tramos de sendas ao longo da estrada DP 5603 que une Negreira co Marco do Cornado. En total, estanse construíndo 5,1 quilómetros de sendas en catro tramos situados entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, 7+300 e 7+820, 8+750 e 10+770 e do 11+110 ao 12+900.

 

O presidente da Deputación, explicou que as sendas realizaranse en zahorra artificial estabilizada con cemento, “o que proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias”, se o cal “proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias”, sinalou González Formoso.


NEGREIRA


González Formoso tamén destacou que “para nós Negreira é unha vila de referencia no interior da provincia porque segue o modelo de futuro que queremos implantar para loitar contra o despoboamento xa que aquí faise unha aposta decidida polo turismo, e polo camiño concretamente, pero por outro lado non renuncian á industria nin á súa tradición agraria”.
Pola súa banda, o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, agradeceu a visita do presidente para interesarse pola evolución do proxecto destacou a importancia dun investimento “fundamental para garantir a seguridade e que vimos demandando hai tempo desde o Concello de Negreira”.
As obras divídense en catro tramos, o último dos cales, 1,8 quilómetros que discorren polo núcleo de Vilaserío xa está rematado. Nos tres tramos restantes están comezando as actuacións á espera das autorizacións necesarias por parte de Augas de Galicia e do traslado dos postes dos servizos afectados (telecomunicacións e electricidade).


Estrada Pontenafonso

González Formoso anunciou durante a visita de hoxe que a Deputación aprobará no pleno do 30 de outubro, dentro dun expediente de modificación de créditos, a dotación económica para a segunda fase das obras de ampliación da DP 5602 Negreira-Pontenafonso, que contan cun orzamento de 1.266.128,78 euros, ao que hai que sumar os 174.697,96 euros investidos nas expropiacións de terreos, xa realizadas.


Unha vez aprobada a consignación económica, a Deputación procedería a dar luz verde definitiva ás obras no mes de novembro,
O presidente da Deputación incidiu na importancia desta actuación xa que “é unha demanda histórica nunha vía que vertebra o interior do municipio” e agradeceu “aos veciños e veciñas da zona a súa colaboración”.

 

NEGREIRA 2


As obras suporán a ampliación da plataforma da estrada nun tramo de 2,5 quilómetros que vaidende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte Barbazán, dotando ao vial dunha calzada de 7 metros de ancho e arcéns de 0,5 metros naqueles puntos nos que a liña de planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección de trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento de drenaxe lonxitudinal e transversal da vía e sinalización.

powered by social2s

4G8A6251

A organización da Carreira Popular de Negreira “A Clásica”, que recae no Concello de Negreira, lamenta ter que comunicar a decisión de cancelar a celebración da proba na súa 41ª edición, prevista para o día 8 de novembro.

 

Quixemos apurar as opcións para a súa celebración de forma segura para as/os corredoras/es, pero a evolución da situación sanitaria pola Covid-19 e a incerteza do futuro próximo obríganos a renunciar a acoller un evento que reúne máis de 1.500 participantes anualmente.

 

Foto 2

 

Facemos este anuncio tristes, pero coa ilusión de que o próximo novembro do 2021 a situación sexa ben diferente e dende hoxe comezamos a traballar para que a 41ª edición de A Clásica sexa coma sempre unha gran festa do deporte e do atletismo en Negreira.

 

Seguiremos traballando dende xa para celebrar xuntos a vindeira edición nas mellores condicións, esperando que os próximos meses nos deparen un escenario máis certo e seguro do que vivimos agora.

 

Volveremos con máis ilusión e máis forza e coa certeza de que lle gañaremos ao virus. Tamén queremos mandarlles unha grande aperta e agradecemento ás empresas, colaboradores e a todos os atletas que participaron con nós noutras edicións, especialmente a aqueles que a Covid-19 golpeou máis duramente.

powered by social2s