O Concello de Negreira convoca o II Concurso de Decoración de Nadal, co obxectivo de promover o embelecemento da vila facendo partícipe a poboación e o tecido económico. O proxecto contribuirá á participación activa do pobo de Negreira na tradición do Nadal e á posta en valor do comercio, a hostalaría e o patrimonio cultural.

 

As inscricións serán gratuítas e estarán abertas a toda a poboación maior de idade do Concello de Negreira e establecementos hostaleiros e comerciais con actividade emprazada no termo municipal.

 

- Cómo inscribirse?

 

Mediante un email a: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., e indicando o nome, apelidos e DNI da persoa representante, teléfono, correo-e, e o enderezo da vivenda ou establecemento onde se levará a cabo a decoración obxecto do concurso, incluíndo tódolos datos precisos para a súa localización, así como o nome do establecemento na categoría de establecementos. Como alternativa, tamén se poderán realizar as inscricións de luns a venres non festivos de 9:00 h a 14:00 h na Casa da Cultura, ou no número de teléfono: 981 885 886.

 

- Período de inscricións

 

Dende o 17 de novembro ás 14 h do venres 10 de decembro.

 

- Categorías de participación

 

a) Particulares

 

Poderán participar dentro desta categoría vivendas unifamiliares, tanto casas como pisos, así como conxuntos formados por comunidades de veciños dun edificio. Para o concurso valorarase unicamente a decoración visible dende a vía pública (entradas, fiestras, balcóns, xardíns, árbores de nadal, etc.).

 

b) Establecementos

 

Poderán participar dentro desta categoría tódolos establecementos comerciais e de hostalaría emprazados no termo municipal de Negreira. Valorarase en conxunto a decoración para o concurso, que poderá realizarse nas zonas accesibles ou visibles para o público en xeral: no interior, no exterior, nos accesos e fiestras e nos escaparates. A decoración deberá manterse sen modificar dende o inicio ata a fin do concurso, podendo cambiarse outros elementos como os produtos en venda expostos.

 

- Duración do concurso

 

A decoración deberá estar colocada dende o día 11 de decembro de 2021 ata o día 7 de xaneiro de 2022, ambos incluídos. A exposición será gratuíta e estará visible dende a vía pública (vivendas ou comunidades de veciños) ou lugares de acceso permitido e visibles (establecementos) para o goce da poboación.

 

- Premios

 

Outorgaranse un máximo de tres premios en cada unha das dúas categorías, en función da puntuación outorgada polo xurado, que se baseará en tres aspectos de máximo 10 puntos cada un: creatividade, orixinalidade e apreciación de elementos locais.

 

a) PARTICULARES

 

1º premio: Vale regalo de 100 € para gastar integramente en establecementos do Concello de Negreira
2º premio: Vale regalo de 60 € para gastar integramente en establecementos do Concello de Negreira
3º premio: Cesta de produtos

 

b) ESTABLECEMENTOS

 

1º premio: 400 €
2º premio: 150 €
3º premio: Cesta de produtos

 

Consulta toda a información detallada nas Bases do concurso

Attachments:
Download this file (Bases.pdf)Bases.pdf
powered by social2s

Youtubeiras recupera neste 2021 a gala presencial, que este ano se celebrará na Casa da Cultura de Bertamiráns, no concello de Ames, o venres 26 ás 20.00 horas. Os convites para asistir como público están dispoñibles a través de: abilleteira.concellodeames.gal. A gala será presentada polo grupo Tanxugueiras.

 

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo, e da Deputación da Coruña.

 

Desta quinta edición dos galardóns, a organización destaca dous trazos fundamentais común dos vídeos e canles participantes nesta edición: un notable aumento na calidade técnica e de contidos, e unha importante ampliación das temáticas tratadas. Os videoblogs, os deportes, as viaxes, a identidade, a sexualidade, a cociña, os xogos e a música son os principais asuntos que se abordan con máis regularidade entre as youtubeiras e youtubeiros, que constitúen unha “comunidade en pleno proceso de expansión e consolidación”.

 

Explicouno así Carme Pereiro, coordinadora dos Premios Youtubeiras, quen anunciou a relación de finalistas, na que tamén participaron Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames; María Muíño, deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, e o grupo Tanxugueiras.

 

Deliberacións

 

O xurado, constituído polo sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e directora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia, reuniuse en Pontevedra a semana pasada para escoller a relación de finalista en once das doce categorías, xa que o Premio do Público vén determinadopolos votos emitidos polos/as internautas nas redes sociais de Youtubeiras. Segundo a acta, o xurado valorou positivamente tanto “a cantidade como a calidade” das canles presentadas e tamén salientou “a existencia dunha comunidade asentada de referencia para o Youtube en lingua galega”.

 

As deliberacións do xurado determinaron que Olaxonmario, Neeumátiko e Cousxs sexan as finalistas do Premio Youtubeira/o 2021. Os dous primeiros, ademais, aspiran xuntoao Son das Ideas a facerse co galardón á canle. Na categoría de vídeo, os finalistas son: Por que non entendo o portugués? Co @Portuguese whit Leo, vídeo de Olaxonmario; A nova bomba de Tanxugueiras, vídeo de Cousxs, e Educación Franquista, vídeo de Pradorua. Estes tres galardóns contan cunha dotación económica que ascende aos 1.000 euros, mentres que a do resto de categorías é de 500.Para o Premio do Público, os finalistas son: Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia,da canle Orgullo Galego; Amemos o nosoda canleXabi Gómez, e El cuarteto de IBAI” - Lucas Requena (PARODIA / VERSIÓN GALEGA),Feat. Dani Piñeiro, da canle Fica coa Bola.

 

As propostas que acaparan o maior número de finalistas son as seguintes: Olanxonmario aspira en total a facerse cos premios en cinco categorías (canle, youtubeira, vídeo, impacto e creatividade). A catro galardóns opta Neeumátiko (canle, youtubeira, calidade lingüística, impacto) e taménCousxs(youtubeira, vídeo, calidade lingüística e premio musical). O Son das Ideas pelexa por tres premios (canle, técnica e creatividade).

 

Pola súa banda, o grupo Tanxugueirasten un duplo protagonismo nestes Premios Youtubeiras, xa que ademais de protagonizar o vídeo finalista de Cousxs, presentará a gala de entrega do vindeiro venres 26 de novembro. Dende Tanxugueiras, sinalaron esta mañá ante os medios que a gala será neste 2021 eminente musical sen querer adiantar moitos máis detalles para sorprender o público que acuda á casa da cultura de Bertamiráns. Tanxugueiras unirase así a Iria Pinheiro, Patricia de Lorenzo ou a compañía teatral A Panadaría nalista de artistas e formacións que nos últimos anos presentaron a gala dos Premios Youtubeiras.

 

Relación de finalistas por categorías:

 

1. Premio canle
O Son das Ideas
Olaxonmario
Neeumátiko

 

2. Premio youtubeira
Olaxonmario
Neeumátiko
Cousxs

 

3. Premio vídeo
"Por que é que non entendo o portugués? Co @Portuguese With Leo”, de Olaxonmario
"A nova bomba das Tanxugueiras”, de Cousxs
“Educación franquista”, de Pradorua

 

4. Premio calidade lingüística
Neeumátiko
Cousxs
Esbardalhando

 

5. Premio impacto
Pablo Rodríguez Vila
Olaxonmario
Neeumátiko

 

6. Premio Calidade técnica
Toxío
O Son das Ideas
Xacobo de Toro

 

7. Premio comunicación
AstroXabi
Pablo Rodríguez Vila
UnrapáTRANSquilo FTM

 

8. Premio creatividade
Cousas RarísimASMR
O Son das Ideas
Olaxonmario

 

9. Premio musical
Cousxs
FØ Records

 

10. Premio didáctico
Xacobo de Toro
O Son das Ideas
Neeumátiko

 

11. Premio pioneiro
Recuncho Gamer
Pingando
AstroXabi

 

12. Premio do público
“Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia”, de Orgullo Galego
“Amemos o noso”, de Xabi Gómez
“‘El cuarteto de IBAI’ - Lucas Requena (PARODIA / VERSIÓN GALEGA) | Feat. Dani Piñeiro”, de Fica coa Bola

powered by social2s

Os 24 GDRs (Grupos de Desenvolvemento Rural) de Galicia van realizar este sábado, día 13 de novembro, unha andaina conxunta, cada un no seu territorio de acción, baixo o lema: "O rural contra a violencia de xénero", nunha iniciativa auspiciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a Secretaría Xeral da Igualdade e maila Axencia Turismo de Galicia.

 

Negreira é o lugar escollido neste 2021 polo GDR19 Asociación Terras de Compostela, do que formamos parte, de cara a levar a cabo un encontro por videoconferencia no Auditorio Centro Sociocultural cos demáis GDRs da comunidade e con representantes políticos do goberno da Xunta, unha vez cuberto a pé o traxecto do Camiño de Fisterra e Muxía, entre Trasmonte (Ames), e a capital do Val de Barcala, duns seis quilómetros.

 

É moi importante destacar, que por mor dos requisitos da andaina, só poderán participar aquelas persoas que fosen inscritas previamente polo GDR19 Asociación Terras de Compostela. Por parte do Concello de Negreira, participarán como convidados, o alcalde Manuel Ángel Leis Míguez; a concelleira da Muller e Igualdade, María del Mar García Vidal; a concelleira de Educación e Sanidade, Teresa Duro Leis, así como a directora do Centro de Información á Muller (C.I.M.), Rosa Fuentes Cambeiro.

 

Programa andaina

 

-Ás 10:15 horas. Punto de encontro no aparcadoiro da zona de A Restreva, na entrada ao Centro Sociocultural. Entregarase a cada participante unha prenda para levar durante a andaina.

-Ás 11:00 horas terá lugar a saída en autobús ata a igrexa de Trasmonte, no concello de Ames.

-Ás 11.30 horas. Comezo da andaina dende a igrexa de Trasmonte até a vila de Negreira, cun percorrido aproximado de 6 quilómetros.

-Finalmente, a partir das 13:00 horas realizarase unha conexión por videoconferencia cos demáis GDRs de Galicia e con representantes políticos no goberno da Xunta de Galicia.

powered by social2s

Dende o Concello de Negreira queremos agradecer unha vez máis a colaboración solidaria da Asociación de Amas de Casa, que por undécimo ano consecutivo, promove a campaña de recollida de alimentos non perecedeiros para axudar ás familias con menos recursos; a través da súa entrega ao departamento municipal de Servizos Sociais para o posterior reparto entre as familias que máis o precisan.

 

A campaña foi activada o luns 15 de novembro e prolongarase ata o día 9 de xaneiro de 2022. Acéptanse toda clase de alimentos non perecedeiros como aceites, leite, cereais, cacao, conservas, legumes, patacas, cebolas, así como productos de hixiene persoal. Os establecementos colaboradores coa campaña son os seguintes:


• Casa Lula
• Supermercado Gadis
• Supermercado Eroski
• Supermercado Froiz
• Supermercado Día


O pasado ano, a achega a Servizos Sociais roldou os catro mil quilos de víveres, grazas á recepción de alimentos aportados por particulares e sobre todo por negocios locais como Carnicerías Suso, que aportou en dúas quendas, un total de catrocentos quilos de carne; a cooperativa Clun (Feiraco), que aportou trescentos litros de leite; ou Cáritas de Santiago, quen entregou 1.500 quilos de patacas e medio cento de polos, así como Distribucións Fajín Lama SL, que aportou alimentos á campaña. Tamén agradecen a colaboración solidaria de establecementos como Lunares e Pecas, doando prendas de roupa para nenos, ou José Alvite Lema, quen entregou a recadación obtida pola venda do seu libro: “O que me tocou vivir”, destinada a paliar as necesidades da rapazada de familias con menores recursos económicos.

 

Para contacto coa campaña o número de teléfono é: 659 180 323

 

Imaxe: Arquivo

powered by social2s

A presente convocatoria ten por obxecto a concesión dos premios do XI Concurso de relatos curtos e carteis gráficos: Loita contra a violencia de xénero, organizado polo Concello de Negreira, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co fin de sensibilizar á poboación sobre desta lacra social.

 

BASES DE PARTICIPACIÓN:

 1ª.Poderán participar tódalas persoas menores de 18 anos.

 

2ª.Os traballos presentados deberán ser entregados no Centro de Información á Muller no Concello de Negreira, nun sobre pechado. Deberá constar un número de teléfono de contacto e en ningún caso deberá aparecer o nome da persoa participante. A identificación da persoa levarase a cabo mediante o uso dun pseudónimo.

 

3ª.O concurso constará de tres modalidades: relato curto, cartel gráfico e curtametraxes. A temática a que deben axustarse os traballos é a Loita contra a Violencia de Xénero en tódalas súas manifestacións: física, psicolóxica, sexual, económica, estrutural… así como os efectos e consecuencias da mesma en tódalas persoas que a sofren.

 

4ª.Os traballos presentaranse en galego ou castelán. No caso dos relatos terán como extensión máxima 5 folios (DIN-A4).

 

5ª.Tódolos traballos que se presenten deberán ser orixinais, inéditos e non presentados en anteriores concursos neste ou noutro concello. De non ser así, quedarán inmediatamente excluídos do concurso.

 

6ª.Os criterios de valoración para elixir ós traballos premiados serán os seguintes: contido e tratamento do tema, orixinalidade, expresión e presentación en xeral.

 

7ª. O prazo para a presentación dos traballos é do 6 ó 18 de novembro.

 

8ª.Os traballos orixinais quedarán en poder do CIM de Negreira que se reserva o dereito para a súa publicación, exposición, doazón ou calquera outro uso posterior, sempre sen ánimo de lucro.

 

9ª.Entre tódolos traballos recibidos un xurado independente seleccionará os gañadores de cada modalidade e concederá os seguintes agasallos: 

 

-Premio ó mellor relato curto: vale regalo por importe de 100 euros a utilizar nunha tenda da vila.

-Premio ó mellor cartel gráfico: vale regalo por importe de 100 euros a utilizar nunha tenda da vila.

-Premio ó mellor curtametraxe: vale regalo por importe de 100 euros a utilizar nunha tenda da vila.

 

10ª. A entrega de premios levarase a cabo de maneira individual en data a concretar entre a organización e as persoas premiadas.

 

11ª.Os traballos gañadores poderán divulgarse a través dos medios de comunicación municipais.

 

12ª.As persoas participantes serán as únicas responsables do contido respectando as esixencias legais de dereitos, de autoría ou plaxio, segundo as leis vixentes.

 

13ª.Tódolos participantes están obrigados a cumprir estas bases. Calquera outra circunstancia non prevista nas mesmas, será resolta polo xurado e as súas decisións serán inapelables.

powered by social2s