O novo proxecto do Real Club Deportivo de A Coruña 2016-2017 botou a andar en Abegondo con máis dunha vintena de futbolistas, cuxa estrea na pretempada será este verán en Negreira, coa recuperación do Trofeo ¨Jesús García Calvo¨, no que o Dépor medirase á Sociedade Deportiva Negreira, de Terceira División.

 

Trátase do maior evento deportivo do presente verán en Negreira e que vai ter lugar o sábado 16 de xullo, ás 20:00 horas, no campo municipal Jesús García Calvo. O Dépor por tradición segue tendo moitos siareiros nas nosas comarcas e proba da simpatía polo equipo coruñés é o feito de que conte cunha rúa no pobo.

As entradas para o público en xeral teñen un prezo de 10 euros, agás os infantís que entrarán de balde. O club local conta coa colaboración dos concellos de Negreira, A Baña e Ames, así como da cooperativa Feiraco, e diferentes firmas comerciais.

A expectación na cidade herculina ante este primeiro amigable da pretempada é máxima, no obstante, o conxunto coruñés estrea novo técnico, Gaizka Garitano, e en Negreira vai sela primeira ocasión que vexámolo no banquiño e dirixindo ao Dépor, de aí, que haxa un grande interese por parte da Prensa, TV e Radios, por seguir as primeiras sensacións que deixa o novo proxecto, ao igual que por parte dos siareiros deportivistas que vánse a desprazar até o Val de Barcala nun grande número, tal e como lle confirmou o propio Deportivo á directiva do Negreira.

Agárdase unha gran entrada no Jesús García Calvo, xa que logo, o Dépor emprenderá o día 20 unha viaxe a Uruguay para medirse a equipos de Montevideo e mailo Real Club Celta de Vigo, e non será ata o Trofeo Teresa Herrera cando os seus siareiros poidan ver ao seu equipo no estadio de Riazor. 

Venda anticipada: Garsport; Bar Porto; A Nosa Taberna; Cervecería A Esmorga; A Xarra; Cafetería Abrente e Bar Ríos.

powered by social2s

Co gallo da celebración das Festas de San Cristovo, do 7 ó 10 de xullo, o Concello de Negreira informa da prohibición do acceso rodado e mailo estacionamento en toda a Praza do Concello, a partir do xoves ás oito da mañá. Debido á montaxe de escenarios e maila infraestructura paralela, faise necesario non aparcar en todo o recinto.

 

Asemesmo, informase que a parte final da rúa de Castelao (zona Centro de Saúde e contorna do IES), tamén permanecerá cortada á circulación, agás residentes, Garda Civil e Urxencias sanitarias.

Programa

Xoves 7.- A partir das 23:00 horas, espectacular verbena coas orquestras Panorama e París.

Venres 8.- Dende as 11:00 horas pasacalles coa charanga MeKánica.  Ás 13:00 h concerto da Banda Ateneo de Negreira, na rúa do Carme (diante da Casa do Concello). Sesión vermú charanga Mekánica.

Pola noite, verbena coas orquestras Aché e Fania.

Sábado 9.- Ás 12:00 horas, misa cantada na Capela do Cotón, na honra a San Cristovo e procesión motorizada. Pasacalles co grupo Os Viqueiras de Ordes. Xantar de confraternidade no Refuxo de Cobas.

Pola noite, verbena cos grupos Triunfo e Alkar.

Domingo 10.-   XII Feira Cabalar, na chaira a carón do IES Xulián Magariños, organizada pola Asociación Cabaleiros de Negreira.

Ás 10.30 h. horas saída da ruta

11.30 h. Concurso social de saltos

13:00 h. Chegada da ruta cabalar

14:30 h. Xantar

16.30 h. Concurso de enganches, en categorías: sulky; limoneras; troncos; cuartas.

18:30 h. Gran Ximcana, con premios aos tres mellores xínetes.

19:30 h. Entrega de trofeos

Haberá servizo de cantina e polbería.

Attachments:
Download this file (feira_cabalar06.pdf)feira_cabalar06.pdf
powered by social2s

A Escola Municipal de Música do Concello de Negreira bota o peche ó curso 2015/2016 cunha audición final do seu alumnado, por instrumentos, este venres día 1 de xullo, a partir das 19:30 horas no Auditorio do Centro Sociocultural. O Concello convida ás familias e veciñanza a asistir a este evento.

 

Compre salientar que o prazo de matrícula para o vindeiro curso xa está abertopolas tardes na Casa da Cultura.

Programa da audición:

Attachments:
Download this file (audicion_negreira.jpg)audicion_negreira.jpg
powered by social2s

As brigadas municipais de Negreira e Ames comezaron hoxe os traballos de roza da maleza acumulada ás beiras do río Tambre, ao seu paso pola paraxe natural de Ponte Maceira, cumprindo así, cunha das primeiras medidas de cara á posta en valor deste encrave paisaxístico de gran beleza e, polo que cada día pasan centos de peregrinos na súa ruta cara Fisterra e viceversa.

 

Até Ponte Maceira desprazaronse os alcaldes de Negreira e Ames, Jorge Tuñas e José Miñones, respeitivamente, xunto cos concelleiros de Obras e Servizos, Manuel Ángel Leis Míguez e Blas García, de Negreira e Ames, respeitivamente.

O seguinte paso vai ser a limpeza da maleza que hai nas beirarrúas e na calzada da ponte, todo ilo, á espera de que unha empresa especializada en traballos en altura comece coa limpeza do propio viaducto, algo que agardan poida completarse nas vindeiras semanas.

Compre dicir que froito desta colaboración supramunicipal, o vindeiro venres 15 de xullo, vai ter lugar a segunda actividade do programa Noites en vela. Trátase da actuación de Xavier Díaz e mailas pandereteiras Maianas, a partir das dez da noite. A particularidade desta actividade nocturna e o encrave escollido polo Concello de Ames, sobre os penedos que hai no lado amiense e, para o cal instalarase unha pasarela que permita o acceso dos músicos até os penedos.

A terceira e última actividade do Noites en vela vai selo venres 19 de agosto, ás 22:00 horas coa actuación do cuarteto Tetramop, de música clásica e cando se vai repetir a experiencia do verán de 2015 co apagón do alumado público para prender as velas colocadas por toda a ponte e arredores. 

powered by social2s

O Concello de Negreira, a través do seu alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, e mailo concelleiro de Deportes, José Daniel Casal, recoñeceu hoxe a traxectoria deportiva do atleta Jorge Crespo Arias, trala consecución o pasado venres 24 de xuño en Elxe, da medalla de ouro no Campionato de España de Atletismo Veteranos, na proba de 5.000 metros en pista ao aire libre, dentro da súa franxa de idade, de 35 a 39 anos.

 

Jorge, campión galego de Maratón en A Coruña no ano 2012, é a súa vez o vixente campión galego en 3.000 metros en pista cuberta, coa medalla acadada o pasado 28 de febreiro, tamén na Coruña, e actual campión galego de campo a través veteranos, o 6 de marzo, en Fene, ademáis de ter rematado terceiro no galego absoluto celebrado este ano en Ribadavia (Ourense).

Na distancia de 3.000 metros foi quinto no Ourense Termal, cunha marca de 08:48:02 a finais de maio, e a mediados deste mes de xuño participou coa Selección Galega de Atletismo nos Campionatos de España por Autonomías, celebrados na localidade madrileña de Alcobendas.

O seu reto máis inmediato é o Campionato Galego Absoluto en pista ao aire libre, na distancia de 5.000 metros, o vindeiro 16 de xullo en Ourense, tralo cal iniciará a súa preparación para tomar parte o 20 de novembro na Maratón de Valencia, onde acumula tres participación. No 2015 acadou a súa mellor marca con 2 horas e 27 minutos, sendo o sexto español n aliña de meta e posto 33 na xeral absoluta. Pero antes desa gran cita do ano, Jorge voltará á capital do Turia, no mes de outubro, coa intención de cubrir a Media Maratón de Valencia, a cal vaille server de test importante cara a distancia longa.  

Desexámoslle moitos máis éxitos na súa carreira deportiva, sempre levando o nome de Negreira por toda España.

Attachments:
Download this file (crespo.jpg)crespo.jpg
Download this file (crespo3.jpg)crespo3.jpg
powered by social2s