Trátase dunha actividade promovida polo Centro de Información á Muller (CIM) en colaboración co Programa de Emprego Xuventude 2023 e enmarcada no Día Internacional da Muller, do Concello de Negreira.
Consiste en atopar os oito códigos distribuídos en espazos públicos do núcleo de Negreira, e logo escanear os códigos cun dispositivo móbil para obter a información sobre 8 mulleres ou colectivos vinculados a este concello.
Para optar ao concurso, en cada parada será preciso facer unha foto “selfie” onde se vexa o código QR de fondo xunto coa persoa que o atopou, e logo envialo por correo electrónico a: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Para máis información poden consultarse as bases na seguinte ligazón:
https://acortar.link/lhZY8W
Este 2024 é o ano no que se conmemora o centenario do nacemento do profesor e filólogo negreirés, Xosé Luís Pensado Tomé (Negreira, 1924 - Salamanca, 2000). Xosé Luís Pensado foi o noso intelectual que acadou os máis altos graos no mundo académico das Letras no século XX.
Exerceu como docente na Universidade de Madrid e como catedrático de Filoloxía Románica e de Filoloxía Galaico-Portuguesa, nas Universidades de Oviedo e de Salamanca. Está considerado o máximo especialista mundial na figura do frade sabio e ilustrado do século XVIII, P. Martín Sarmiento.
As publicacións do profesor Pensado, no ámbito da súa especialidade, cóntanse por centos. Dende o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, un centro dependente da Consellería de Cultura e, mailo Concello de Negreira, conmemórase esta efeméride coa celebración dun Simposio de conferencias dedicado á súa vida e obra, a celebrarse entre Santiago de Compostela e Negreira, o venres, día 15 de marzo de 2024.
Programa de actos
MAÑÁ
Lugar: Aula Co1 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
- 9:30 horas - Apertura do Simposio, con representantes da Universidade de Santiago de Compostela, a Real Academia Galega, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Negreira e da organización do simposio.
- 10:00 horas – Conferencia: “A contribución de Xosé Luís Pensado ao coñecemento do Padre Sarmiento”, por Henrique Monteagudo Romero.
- 11:00 horas – Conferencia: “Unha visión de Pensado na Universidade de Salamanca”, a cargo de Alexandre Guerra.
- 11:30 – Pausa
- 12:15 horas – Conferencia: “X. L. Pensado e as súas ideas sobre a gueada”, a cargo de Ramón Lorenzo Vázquez.
- 13:00 horas – Conferencia: “A obra de Xosé Luís Pensado Tomé (1924-2000), na constitución da lingüística galega moderna: datos, reflexións e lembranzas”, por Xesús Alonso Montero.
TARDE
Lugar: Auditorio da Casa da Cultura (Negreira)
- 17:30 horas – Conferencia: No centenario do nacemento de Xosé Luís Pensado Tomé”, por X. Amancio Liñares Giraut.
- 18:15 horas - PAUSA
- 18:45 horas – Conferencia: “D. Xosé Luís Pensado Tomé: Galicia desde Salamanca”, por Xosé Luís Axeitos.
- 20:00 horas – DESCUBERTA dunha placa conmemorativa na casa natal do profesor Xosé Luís Pensado Tomé, na rúa do Carme.
Nota: Haberá un servizo gratuíto de autobús para os desprazamentos: Santiago – Negreira – Santiago.
Ofrecémoslles os resultados acadados polas cinco principais forzas políticas nas Eleccións ó Parlamento de Galicia deste domingo, 18 de febreiro, nas once mesas distribuidas en nove colexios electorais no concello de Negreira.
O Partido Popular (PP) foi a candidatura máis votada con 2.097 apoios (+226), seguida da do Bloque Nacionalista Galego (BNG), con 1.056 votos (+434). A terceira candidatura máis votada en Negreira foi a do Partido Socialista de Galicia (PSdeG), con 537 apoios (-171). A continuación, aparece a candidatura de Vox, con 80 votos (+41), e Sumar Galicia ocupa a quinta posición, con 35 votos.
En total votaron este domingo en Negreira 3.902 persoas, un 68,95% do censo de votantes fronte ao 60,12% que o fixeron no ano 2020. A abstención foi de 1.757 persoas (31,04%), sobre un censo total de 5.659 persoas con dereito ó voto nas eleccións celebradas onte.
O Concello de Negreira Negreira desenvolverá unha completa programación de actividades para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller. A concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Teresa Duro Leis, cando á directora do Centro de Información á Muller, Rosa Fuentes Cambeiro, e maila psicóloga, Natalia Suárez, foron as encargadas de presentala este martes 27 de febreiro en Radio Negreira.
As actividades deron comezo ao longo do mes de febreiro, cando o alumnado de 1º de bacharelato do IES Xulián Magariños asistiu a diversos obradoiros de formación fronte ao acoso na rúa, impartidos polo persoal municipal do Concello de Negreira.
Durante o mes de marzo, a planta baixa do Centro Sociocultural acollerá a exposición ‘Destino: Igualdade’, da Fundación Vicente Ferrer. Ademais, este mesmo mes terá lugar a presentación do V Plan de Igualdade do Concello de Negreira.
O xoves, día 7, ás 18:00 horas, a rapazada será a protagonista, xa que poderán gozar, no auditorio da Casa da Cultura, do contacontos musical ‘Cambia o conto’, de Música Miúda. Unha forma orixinal e divertida de achegar o concepto da igualdade ás idades máis temperás.
E a Casa do Concello cubrirase cunha lona e iluminarase de morado para dar visibilidade a esta data tan sinalada no camiño á igualdade. Este mesmo día será o prato forte da programación: a entrega do VIII Premio 8M do Concello de Negreira, que este ano recae en María Moldes Suárez, cooperante e delegada da Fundación Vicente Ferrer en Galicia e Asturias.
Traspasar fronteiras
A galardoada, orixinal e veciña de Negreira, é licenciada en Belas Artes e en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo. Como profesora foi quen de traspasar as fronteiras do noso país e transmitir o español en diferentes partes do mundo, como Londres, Roma, e mesmo na India.
Con este premio, desde o Concello de Negreira búscase recoñecer o traballo e o papel das mulleres vinculadas ao municipio ao longo da historia. A gala terá lugar o venres 8 de marzo, ás 20:00 horas, no auditorio Afonso Eanes de Cotón. A entrada será libre e gratuíta.
Por último, o sábado, día 9 de marzo, o auditorio Afonso Eanes do Cotón acollerá, ás 21:00 horas, o monólogo ‘Enredada’, de Leti da Taberna, dirixido a un público adulto.
Desde o CIM Negreira aseguran que “é un pracer poder contar, un ano máis, cunha programación repleta de actividades que nos permiten chegar a todas as idades e seguir avanzando neste camiño no que aínda queda tanto por facer”, ademais, sinalan, “é un orgullo poder seguir promovendo este tipo de iniciativas e poñer o noso grao de area para darlle visibilidade ao papel desenvolto polas mulleres do noso municipio”.
Este domingo, día 18 de febreiro, celébranse as Eleccións ó Parlamento de Galicia en que a cidadanía de Negreira poderá exercer o seu dereito ao voto nun total de once mesas distribuidas en oito colexios electorais, e que albergarán as urnas para depositar o seu voto, entre as 09:00 e as 20:00 horas.
A única novidade recae en que as persoas con dereito ó voto censadas na parroquia de Portor, deberán facelo no colexio electoral do Centro Sociocultural de Negreira, e non coma nas últimas eleccións que fixérono no Teleclub da Chancela. Exercerán o voto na Sección 001, sendo na mesa A para os apelidos da A-L e na mesa B, da M-Z.
Locais electorais
- Centro Sociocultural (4 mesas)
- Teleclub da Chancela (Logrosa)
- Local social de Aro (Aro e Broño)
- Local social de Gonte (Gonte, Zas e Cobas)
- Teleclub de Landeira (Landeira e A Pena)
- Local social de Romarís (Arzón, Lueiro e Xallas)
- Teleclub de Liñaio (Liñaio)
- Escola de Pesadoira (Alvite, Campolongo e Bugallido)
Páxina 9 de 264